Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 abril, 2026
A banda Skadelos convértese no proxecto gañador da sexta convocatoria de Onda Chicha, o programa impulsado por Chichalovers e Radio Líder Santiago que busca apoiar, visibilizar e dar impulso a novas propostas musicais en Galicia.
Procedentes do Carballiño, Skadelos nace como unha banda formada por un grupo de mozos que decidiron levar ao escenario as cancións que xurdían nas súas propias xuntanzas. A súa proposta musical caracterízase por unha mestura de estilos na que conviven o pop-rock, o ska e a rumba, dando lugar a un son propio e recoñecible.
Nas súas composicións alternan a crítica social con emocións máis persoais e unha mirada vitalista, apostando tamén pola celebración e a conexión co público. Esa enerxía trasládase aos seus concertos, concebidos como espectáculos dinámicos e festivos.
Neste 2026, a banda regresa cun formato renovado e máis potente, reforzando o seu directo e consolidando a súa proposta sobre o escenario.
Co paso das convocatorias, Onda Chicha foi consolidándose como unha plataforma para dar visibilidade a novos talentos da escena musical galega. Desde o seu lanzamento, o proxecto recoñeceu xa diferentes propostas emerxentes.
Na primeira convocatoria resultou gañadora Lisdexia, seguida por Amaramar na segunda, Why Not? na terceira, Pulpa na cuarta, Noite Atari na quinta e agora Skadelos nesta sexta edición.
A iniciativa, promovida por Chichalovers e Radio Líder Santiago, conta coa colaboración de Quincemil, Arde Música, Garaxe Land, Daveiga, Bodegas Lodeiros e Fogar Festivais, e ofrece ás bandas participantes unha plataforma real de difusión e promoción.
Entre as oportunidades que brinda o proxecto atópanse unha entrevista en Radio Líder Santiago, a gravación dun tema en Chichalovers, unha entrevista en Quincemil e a posibilidade de participar no ChichaFest, que se celebrará na Sala Capitol de Santiago de Compostela o 13 de xuño de 2026. Ademais, o proxecto gañador terá a oportunidade de gravar un EP nos estudos de Garaxe Land.
Onda Chicha ten aberto xa o prazo da súa sétima e última convocatoria, coa que pechará esta etapa do proxecto.
As bandas e artistas galegos emerxentes interesados en participar poden consultar as bases aquí e cubrir o formulario de inscrición para presentar as súas propostas e formar parte desta última edición.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)