Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 noviembre, 2024
Fin de semana para seguir coa boa dinámica do Monbus Obradoiro e facer boas as dúas vitorias conseguidas a domicilio contra UEMC Real Valladolid e Inveready Gipuzkoa. Pola súa parte, o Tizona Burgos chegaba tras perder na casa fronte ao Amics Castelló e necesitaba gañar para non entrar nunha serie negativa.
Balón ao aire e salto gañado polo Tizona Burgos, que ante a presión do público compostelán non conseguía anotar a primeira canastra do partido. Pasaban os minutos e ambos equipos alternaban a posesión do balón ata que, preto dos dous minutos de partido, o Tizona Burgos adiantábase, conseguindo encadear dúas canastras consecutivas.
Cando pasaban os dous minutos e medio de encontro, empezaban a entrar as canastras a favor do Monbus Obradoiro, que conseguía rapidamente recortar a distancia co seu rival (4-6). A medida que corría o cronómetro, os de Gonzalo Rodríguez ían igualando o encontro ata conseguir empatar o marcador cando restaban algo máis de tres minutos para rematar o primeiro cuarto (11-11).
Apenas uns segundos despois, dende a liña de tiros libres e cun triplo posteriormente, Jake Stephens daba a vitoria momentánea aos composteláns (17-15). Nos últimos minutos do primeiro asalto, a boa defensa galega daba un resultado favorable aos locais (22-18).
O segundo cuarto comezaba con Jake Stephens volvendo anotar para o seu equipo. Galán e Quintela sumábanse á festa anotadora e poñían a diferenza de dez puntos no marcador (28-18). Tras un tempo morto do Tizona Burgos, os visitantes enganchábanse ao partido e comezaban a recortar distancias, chegando á metade do asalto tres puntos por debaixo (30-27).
Un Millán Jiménez moi rápido no roubo de balón lograba quitarlle a carteira ao seu rival e dar dúas canastras para o Monbus Obradoiro, que tomaba aire. Ambos equipos seguían achegados no marcador o resto do segundo cuarto, chegando os burgaleses en ocasións a poñerse a un só punto de distancia. A falta de 50 segundos para o final do cuarto, o Tizona Burgos conseguía darlle a volta ao partido, pero os locais, co apoio da súa xente, non se resistían e a falta de tres segundos adiantábanse por un (41-40).
Tras o descanso, sería o equipo galego quen comezaría anotando primeiro, pero os burgaleses reaccionaban rápido, conseguindo adiantarse ao seu rival. Minuto a minuto cambiaba o gañador do partido e, se antes o era o Tizona Burgos, agora aos tres minutos do cuarto tocáballe ao Monbus Obradoiro (48-47). Ambos equipos sumaban á par e superaban ao mesmo tempo os 50 puntos.
Á metade do terceiro asalto, o equipo visitante marchaba catro puntos por enriba, pero con dúas boas canastras de Galán na pintura e un tiro libre de Millán empatábase o partido. Cando os burgaleses se adiantaban, os galegos sabían sufrir e igualaban o marcador. Así foi ata faltar un minuto para o final do cuarto, cando os locais se distanciaban de seis (71-65). O final chegou cun Tizona Burgos volcado que conseguía reducir a distancia (71-69).
Jones foi o primeiro en converter unha canastra de tres ao minuto e medio do último cuarto, dando a vantaxe aos burgaleses no marcador. Pouco tardou o Monbus Obradoiro en darlle a volta ao resultado e recuperalo ao seu favor, aínda que aos segundos o rival devolvía o empate.
No resto do cuarto asalto, ambos equipos alternaban a vitoria momentánea, sen chegar a distanciarse no marcador. Pero chegou Micovic: apareceu o serbio para poñer aos galegos seis puntos por enriba a falta de dous minutos e medio. A tensión na cancha do Multiusos era máxima e, cando parecía que o Monbus Obradoiro resolvía o partido, o Tizona Burgos seguía dándolle emoción ao encontro.
O partido entraba no último minuto cos locais catro puntos por enriba. O bo saber sufrir dos galegos nos últimos segundos serviulles para, cun triplo de Millán Jiménez, pechar o partido e facer imposible a remontada do Tizona Burgos. O final do encontro chegou cun resultado de 95-89, que daba a terceira vitoria consecutiva ao Monbus Obradoiro.
Ficha técnica
95 – Monbus Obradoiro: Victory Onuetu (1), Tomeu Rigo (0), Álex Galán (13), Alonso Grela (0), Strahinja Mićović (13), Millán Jiménez (21), Nacho Varela (7), Sergi Quintela (13), Pablo Harguindey (0), Jake Stephens (20), Oliver Stević (5), Toms Leimanis (2).
89 – Tizona Burgos: J. Rodríguez (19), J. Lobo (8), Pacheco (8), R. Vilá (8), Simeunovic (6), T. Alonso (5), Seoane (0), Thiam (2), J. Díaz (6), L. Jones (25), A. Alonso (2).
Cuartos: 22-18, 41-40, 71-69, 95-89.
Árbitros: Jorge Muñoz García, Joaquín Lizana Moreno, Andrea Alejo Sánchez.
Incidencias: Partido correspondente á sétima xornada da Primeira FEB disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela o 9 de novembro de 2024 ante 4.256 espectadores.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)