Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A concelleira de Benestar Social e Voluntariado de Ames, Uxía García, dixo que “trátase dunha causa xusta e solidaria para que os Concellos de Ames e Santiago se xunten e colaboren nesta iniciativa. Convido á veciñanza a participar nesta marcha, que esperamos sexa multitudinaria”
A concelleira de Deportes e Relacións Veciñais de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro, destacou que “desde o Concello de Santiago é un pracer colaborar nesta primeira marcha e congratulámonos de que sexamos dous concellos limítrofes os que esteamos colaborando. Sobre todo agradecer a todas aquelas persoas que o fan posible, como é a Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro”
O presidente da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro, Javier Santos, engadiu “é unha iniciativa que nace a priori dende a asociación, pero que contou coa colaboración inmediata e instantánea dos Concellos de Ames e Santiago de Compostela, que é o mellor que nos podía pasar. O que pedimos é que ese día esteamos o maior número de persoas posible participando”
O presidente da Asociación Dano Cerebral, Luciano Fernández, dixo que “esta marcha ten varios obxectivos: fomentar hábitos de vida saudables que poidan previr a aparición de ictus, sensibilizar e visibilizar; e acadar recursos, porque as cousas, por desgracia, non se fan sin cartos. Buscamos concienciar a todas as persoas, así como os empresarios que poidan aportar o seu gran de area, que nos poida conducir á finalización desta obra que temos en marcha e poidan beneficiar ao colectivo afectado polo dano cerebral”
Ames, 29 de setembro de 2026.- Hoxe presentouse na oficina da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro a I Marcha Prevención do Dano Cerebral, na que cada donativo será unha axuda real para que a Asociación de Dano Cerebral de Santiago de Compostela poida ampliar as súas instalacións. No acto estiveron presentes a concelleira de Benestar Social e Voluntariado de Ames, Uxía García; a concelleira de Deportes e Relacións Veciñais de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro; o presidente e vicepresidente da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro (AEPEM), Javier Santos e Ramón Salgado; e o presidente da Asociación Dano Cerebral de Santiago de Compostela, Luciano Fernández. As inscricións pódense facer premendo nesta ligazón.
Cada paso conta. Cada persoa importa. Con este lema organízase a I Marcha de Prevención do Dano Cerebral, unha andaina popular e solidaria que percorrerá 4,9 quilómetros dende o Centro Multifuncional do Milladoiro, na rúa O Muíño Vello, ata a sede da Asociación de Dano Cerebral Compostela, situada na zona do Castiñeiriño-Restollal. Esta iniciativa realizarase o sábado, 24 de outubro de 2026, desde as 10:00 horas.
O punto máis alto da ruta está situado preto do inicio, no Milladoiro; a partir de aí, a ruta transcorre maioritariamente por terreo chan ou con lixeira pendente descendente. Os organizadores recomendan levar calzado cómodo para terreos irregulares, xa que pode haber algúns tramos húmidos.
Na presentación, os asistentes puxeron o foco na importancia de que o día 24 de outubro participen na andaina o maior número de persoas posible, de xeito que ao mesmo tempo se apoie esta causa.
A concelleira de Benestar Social e Voluntariado de Ames, Uxía García, dixo que “trátase dunha causa xusta e solidaria para que os Concellos de Ames e Santiago se xunten e colaboren nesta iniciativa”. Ademais, convidou á veciñanza a participar nesta marcha, que espera sexa multitudinaria. “Esperamos o maior número de participantes posibles para que todo se reverta nas novas instalacións, das que calquera de nós, da nosa familia ou amigos co tempo podemos acabar sendo usuarios. As inscrición poden realizarse ata o día 23 de outubro, co cal hai tempo suficiente para inscribirse e participar nesta andaina solidaria”.
A concelleira de Deportes e Relacións Veciñais de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro, destacou que “desde o Concello de Santiago é un pracer colaborar nesta primeira marcha e congratulámonos de que sexamos dous concellos limítrofes os que esteamos colaborando. Sobre todo agradecer a todas aquelas persoas que o fan posible, como é a Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro. Nós somos un gran de area en todo o traballo que fai a Asociación Dano Cerebral, coñecemos de primeira man e dende hai tempo o traballo que eles fan e colaborar con eles sempre é un pracer. Insisto, agradecer a todas aquelas persoas, empezando pola Asociación de Empresarios de Ames polo que están organizando; e facer un chamamento á veciñanza para que o día 24 de outubro nos acompañen”.
Pola súa parte, o presidente da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro, Javier Santos, engadiu “é unha iniciativa que nace a priori dende a asociación, pero que contou coa colaboración inmediata e instantánea dos Concellos de Ames e Santiago de Compostela, que é o mellor que nos podía pasar. O que pedimos é que ese día esteamos o maior número de persoas posible participando. Por iso a difusión é importante, porque terá máis repercusión social e económica, na que é inevitable pensar, xa que ningún de nós estamos libres de sufrir dano cerebral, e, desafortunadamente, os medios económicos son fundamentais para isto. Nos poñemos o noso pequeno gran de area, para tamén intentar darlle continuidade á iniciativa. Intentemos que esta sexa a primeira e o ano que vén poidamos organizar a segunda edición”.
Por último, o presidente da Asociación Dano Cerebral, Luciano Fernández agradeceu a implicación de ambos Concellos e da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro pola iniciativa, e concluíu “pretendemos que esta marcha se asente no tempo, e ten varios obxectivos. Por unha banda, fomentar hábitos de vida saudables que poidan previr a aparición de ictus, sensibilizar e visibilizar. Ás veces as persoas vítimas de dano cerebral son invisibilizadas, así como as súas familias e coidadoras, que na súa maioría son mulleres que cargan co peso dos coidados, e que moitas veces se empobrecen precisamente por iso. Por outra banda, búscase acadar recursos, porque as cousas, por desgracia, non se fan sin cartos. Buscamos concienciar a todas as persoas, así como os empresarios que poidan aportar o seu gran de area, que nos poida conducir á finalización desta obra que temos en marcha e poidan beneficiar ao colectivo afectado polo dano cerebral”.
Tamén, lembrou que é unha actividade apta para tódalas idades, dende os pequenos ata os maiores, e que se desenvolverá nun ambiente festivo, non competitivo, “camiñar por unha causa, e canta máis xente sexamos mellor. E aínda que pareza que é pouco, para nos é unha achega moi importante”.
Custo e destino dos fondos recadados
A participación na andaina custa 8 euros, o que inclúe a inscrición, o seguro de accidentes e unha doazón para a causa. Os nenos menores de 14 anos participan de balde. Tamén hai unha opción de inscrición solidaria na fila 0, por 3 euros, pensada para aqueles que queiran colaborar sen participar de xeito presencial na marcha. A inscrición e pago pódese realizar a través da web da marcha ata o vindeiro venres 23 de outubro. Unha vez descontados os custos do seguro e da inscrición, a totalidade do importe restante será doada integramente á Asociación de Dano Cerebral de Santiago de Compostela.
Como mostra de agradecemento pola participación, sortearanse tres premios simbólicos, doados por empresas colaboradoras do parque empresarial do Milladoiro, entre elas Clínica Fisioterapia Laura Míguez, Pan de Leis e Unit 365. Ademais, ao remate da andaina, poderase asistir a un mercadillo composto por produtos realizados polos pacientes da Asociación Dano Cerebral de Santiago de Compostela.
Importancia da participación cidadá
Desde os Concellos participantes e dende a Asociación de Dano Cerebral de Santiago de Compostela, animan a tódalas persoas a participar, e lembran que a lesión cerebral adquirida (LEA) pode producirse de tres xeitos principais: accidente cerebrovascular, parada cardíaca (debido a anoxia cerebral, é dicir, falta de osíxeno no cerebro) e lesións cerebrais traumáticas derivadas de accidentes.
Apuntan que, en calquera destes tres casos, trátase de acontecementos repentinos que poden afectar a calquera persoa, en calquera momento da vida e sen previo aviso. Isto fai que a prevención e o apoio ás persoas que a sofren sexan un asunto que pertence a toda a sociedade, non só ás persoas afectadas ou ás súas familias.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)