Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• O líder do PP de Santiago defende unha cidade aberta ao mundo, capaz de atraer talento, impulsar grandes proxectos e participar nos principais circuítos culturais europeos
• Borja Sémper reivindica en CompArte unha cultura libre, aberta a todas as expresións artísticas e afastada da permanente confrontación ideolóxica
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, defendeu a necesidade de recuperar a vocación europea e internacional da capital galega, tamén no ámbito cultural, e apostou por converter Compostela nunha cidade aberta ao mundo, capaz de atraer talento, promover intercambios culturais e participar activamente nos principais circuítos culturais europeos.
Así o trasladou no marco dun novo encontro de CompArte, o espazo cultural impulsado polo PP de Santiago, que contou coa participación de Borja Sémper, voceiro e vicesecretario de Cultura e Deporte do PP, e no que se reflexionou sobre a cultura, a liberdade de creación e a importancia de abrir espazos de encontro entre persoas con distintas sensibilidades.
Verea destacou que Santiago conta cun patrimonio histórico e cultural extraordinario, pero advertiu de que a cidade non pode conformarse unicamente con conservalo e exhibilo. “Santiago ten que dar un paso máis. Non podemos ser só unha cidade á que se vén para coñecer a súa historia e o seu patrimonio. Temos que ser tamén unha cidade na que se crea cultura, na que nacen proxectos e na que os artistas queren estar”, sinalou.
Neste sentido, o líder popular apostou por recuperar a ambición cultural de Compostela fronte ao que considera unha visión pechada dos últimos gobernos municipais. “Queremos unha cidade aberta a Europa, sen complexos, que estableza relacións cos grandes centros culturais, que promova intercambios e que sexa capaz de atraer aos mellores artistas, escritores, músicos e creadores nacionais e internacionais”, afirmou.
Para Verea, o obxectivo debe ser que Santiago deixe de ser exclusivamente un destino cultural para converterse tamén nun punto de partida da creación cultural con proxección internacional. “Temos a historia, o patrimonio, a identidade e o recoñecemento internacional. O que necesitamos é aproveitar todo ese potencial para que Santiago volva ocupar o lugar que lle corresponde no mapa cultural europeo”, explicou.
Pola súa banda, Borja Sémper reivindicou unha maneira de entender a cultura baseada na liberdade, na apertura e na capacidade de aceptar expresións artísticas que non sempre coinciden coa nosa maneira de interpretar o mundo. Neste sentido, defendeu que precisamente esas manifestacións culturais que nos incomodan ou nos obrigan a facernos preguntas son as que tamén nos permiten crecer e mellorar.
Sémper advertiu, ademais, contra a tendencia a interpretar permanentemente a cultura desde unha perspectiva ideolóxica. “Non todo ten que ter unha lectura política”, afirmou, ao tempo que reivindicou o valor da arte pola súa capacidade de emocionar, conmover ou simplemente divertir, sen necesidade de transmitir unha mensaxe política.
Durante o encontro tamén compartiu a súa experiencia na elaboración do libro Todos los futuros perdidos, escrito conxuntamente desde dúas traxectorias políticas diferentes e arredor das vivencias relacionadas co terrorismo de ETA. Sémper destacou o valor daquela experiencia e a oportunidade que lles brindou para trasladar o seu testemuño a centros educativos e universidades, demostrando que é posible construír espazos de diálogo desde as diferenzas.
Finalmente, Verea puxo en valor CompArte como un espazo de encontro e reflexión que busca ampliar o debate cultural da cidade, incorporar novas voces e contribuír a que Santiago recupere a súa proxección como capital cultural aberta, creadora e conectada con Europa.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)