Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today20 octubre, 2026
A Xunta compromete 400.000 euros, que se suman aos 1,1 millóns da Deputación e á achega municipal de 71.383 euros que se somete esta noite ao pleno
A Estrada, 20 de outubro de 2026.— O Concello da Estrada avanza na tramitación da reforma da praia fluvial de Liñares coa previsión de que as obras comecen a principios de 2027. O proxecto contará cun investimento de 1.571.383 euros, financiado pola Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o propio Concello, pendente dos trámites necesarios para completar o financiamento.
O Consello da Xunta autorizou este luns a subscrición dun convenio entre Turismo de Galicia e o Concello da Estrada para destinar 400.000 euros á recuperación deste espazo. A contía súmase aos 1,1 millóns de euros da Deputación, recollidos no acordo asinado a semana pasada, e aos 71.383 euros de achega municipal. Esta última partida inclúese na proposta de modificación da finalidade dun préstamo que se debaterá esta noite nun pleno extraordinario.
“Estamos avanzando con moi boas noticias na tramitación e na busca de investimentos para que ese ambicioso proxecto que temos de reforma da praia fluvial de Liñares sexa unha realidade”, destacou o alcalde, Gonzalo Louzao.
O rexedor lembrou que a procura de financiamento comezou hai meses cunha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Tamén salientou a valoración obtida polo proxecto na convocatoria de concorrencia competitiva do Plan Extra da Deputación. Segundo indicou, este apoio reduce de maneira significativa a contribución que deberá asumir o Concello.
Unha vez completados os trámites do pleno e as publicacións correspondentes, o goberno local prevé iniciar a licitación para que a praia, tamén coñecida como Porta Pousada, poida comezar o ano 2027 en obras.
A intervención mellorará a accesibilidade e os espazos de lecer desta contorna natural próxima ao núcleo urbano. Entre as actuacións previstas figuran a renovación do valado exterior, a creación dunha beirarrúa na fronte do recinto e o acondicionamento das vías existentes con pavimento de terrizo para controlar os escoamentos.
Tamén se remodelarán os accesos desde a entrada principal para suavizar a pendente, abriranse novos camiños peonís e habilitarase un paseo fluvial cunha pasarela elevada de madeira que bordeará a carballeira. O proxecto completarase con actuacións nas edificacións existentes para favorecer o seu aproveitamento hostaleiro.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)