Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 junio, 2026
• O líder popular afirmou que Santiago «necesita abrir unha nova etapa, con máis estabilidade, máis capacidade de xestión e un Concello que volva funcionar con normalidade»
O líder do PP de Santiago, Borja Verea, advertiu esta mañá de que o goberno local está a atravesar unha preocupante perda de capacidade de xestión, da que o atraso no pago a provedores é unha das súas consecuencias máis graves. Fíxoo despois de coñecerse que o Goberno municipal terá que recorrer a un mecanismo extraordinario habilitado polo Estado para facer fronte ao pagamento de arredor de 8 millóns de euros en facturas pendentes.
«Nas últimas semanas estamos vendo demasiados síntomas dun goberno local que perdeu capacidade de resposta e capacidade de xestión. Pasou coa seguridade e a convivencia, pasa coa limpeza e pasa tamén agora cun asunto especialmente serio como é o pago a provedores», afirmou.
Verea lembrou que xa non se trata dunha advertencia política, senón dunha realidade que afecta directamente ao tecido económico da cidade. «Falamos de preto de mil facturas acumuladas e dun goberno municipal que leva demasiado tempo pagando tarde. E cando un Concello tarda meses en pagar, quen acaba financiando ao Concello son os autónomos, as pequenas e medianas empresas compostelás e moita xente que traballa todos os días para esta cidade e que ten dereito a cobrar en prazo», sinalou.
Neste sentido, insistiu en que pagar aos provedores «non é unha opción, é unha obriga legal e tamén unha cuestión de respecto».
O líder popular criticou que esta situación se produza precisamente «co goberno municipal con máis asesores e altos cargos da historia recente de Santiago», asegurando que o incremento da estrutura política non se traduciu nunha mellora da xestión. «O problema non é de falta de recursos. O problema é de prioridades, de organización e de capacidade de xestión», afirmou.
Un plan para ordenar o Concello
Durante a súa comparecencia, Verea explicou que esta situación ten solución e presentou as liñas de actuación que impulsaría para normalizar o pagamento aos provedores.
«Isto non se resolve con titulares nin con escusas. Resólvese con organización, prioridades claras e seguimento político permanente», asegurou.
Segundo explicou, o primeiro paso é reorganizar o funcionamento interno do Concello para eliminar a lentitude administrativa, reducir a burocracia e mellorar a coordinación entre departamentos. En segundo lugar, defendeu que pagar en prazo debe converterse nunha prioridade política real, porque «non pode ser unha cuestión secundaria para ningún goberno municipal».
A terceira medida pasa por establecer un seguimento permanente das facturas pendentes, simplificar os procedementos administrativos e crear un circuíto máis áxil para autónomos e pequenas empresas.
«Levo moitos anos traballando dentro das administracións públicas e coñezo perfectamente como funciona un Concello. Sei que pagar en prazo é perfectamente posible cando hai organización, dirección política e vontade de facer que as cousas funcionen», afirmou.
Por iso, lembrou tamén o compromiso adquirido polo PP de Santiago de reducir o período medio de pago en 30 días durante o primeiro ano de mandato e situalo por debaixo dos 20 días a partir do segundo.
«Isto non vai de gastar máis. Vai de xestionar mellor. E de entender que detrás de cada factura hai empresas, autónomos, empregos e persoas que teñen dereito a cobrar cando lles corresponde», concluíu.
Verea rematou asegurando que Santiago «necesita abrir unha nova etapa, con máis estabilidade, máis capacidade de xestión e un Concello que volva funcionar con normalidade», e reafirmou o compromiso do PP de Santiago de seguir «percorrendo os barrios, escoitando á xente, presentando propostas e construíndo unha alternativa seria, tranquila e centrada en Santiago».
Escrito por Líder Redacción
pago a provedores partido popular (PP) politica Santiago de Compostela



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)