AD

Actualidad

Verea ve “manifestamente mellorable” o proxecto industrial de Lavacolla

today20 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD
  • O líder popular reuniuse no Parlamento de Galicia coa plataforma veciñal para coñecer directamente as súas alegacións ao proxecto
  • “O debate non é PIA si ou PIA non. O importante é o proxecto concreto, e este proxecto é manifestamente mellorable”

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, mantivo este venres no Parlamento de Galicia unha reunión con representantes da plataforma Salvemos Sabugueira para coñecer directamente as súas alegacións e preocupacións ante o proxecto de desenvolvemento de solo industrial previsto en Lavacolla.

Verea considera que ante un proxecto destas dimensións é necesario falar directamente cos veciños afectados, estudar os seus argumentos e analizar con rigor as deficiencias que poidan existir. “Non teño ningún problema en sentarme cos veciños, escoitalos e estudar o que están dicindo. Ao contrario. Ante un proxecto desta importancia, é o que hai que facer”.

Tras analizar a documentación e escoitar á plataforma, Verea considera que o proxecto presentado é “manifestamente mellorable” e que existen cuestións relevantes que deben resolverse durante a súa tramitación. “O importante non é se se tramita mediante un PIA ou un Plan Parcial. O importante é o proxecto. E este proxecto ten deficiencias importantes que deben ser corrixidas”.

AUGA, ENERXÍA E ACCESOS

Entre as cuestións que Verea considera necesario resolver están aspectos estruturais como o abastecemento de auga e enerxía necesarios para un desenvolvemento industrial destas dimensións.

Tamén cuestiona algunhas das novas conexións viarias previstas, que atravesan zonas poboadas e próximas a vivendas cando xa existe unha conexión coa SC-21 que debe ser estudada como alternativa.

«Hai partes nas que parece que estamos ante un proxecto deseñado sobre un plano sen coñecer suficientemente a realidade sobre o terreo. E cando falamos de estradas que poden afectar a casas e núcleos habitados, esa realidade ten que ser determinante”.

A AMPLIACIÓN DO SOLO E O CAMIÑO DE SANTIAGO

Verea considera igualmente necesario analizar a ampliación de superficie que supón o proxecto respecto das hectáreas que o planeamento municipal xa reservaba para solo industrial.

Outro dos elementos que, ao seu xuízo, require especial atención é a afección sobre un territorio sometido á protección derivada do Camiño de Santiago.

«Os veciños desta zona levan anos convivindo coas limitacións que implica estar nun ámbito protexido polo Camiño. Parece razoable que un desenvolvemento industrial destas dimensións estea sometido, como mínimo, ao mesmo nivel de esixencia e protección.»

SOLO INDUSTRIAL, NON COMERCIAL

Verea reiterou tamén a posición que xa expresara publicamente sobre os usos previstos: o novo solo debe destinarse a actividade industrial e non converterse nun novo ámbito comercial. “Neste punto non pode haber dúbidas. Santiago necesita solo industrial con urxencia, pero precisamente por iso o solo que se desenvolva ten que ser industrial, non comercial”.

O líder popular trasladou tamén á plataforma que non comparte que a oposición ao proxecto se centre no instrumento utilizado para a súa tramitación. “Eu tamén lles dixen con claridade aquilo no que non coincidimos. Non creo que o problema sexa que isto sexa un PIA. Un PIA, se se fai con transparencia, diálogo e acordos, pode permitir avanzar moito máis rápido. Non debemos equivocar o debate.»

Para Verea, as dúas ideas son compatibles: Santiago necesita con urxencia máis solo industrial e, ao mesmo tempo, o proxecto de Lavacolla debe corrixir as deficiencias detectadas antes de continuar o seu desenvolvemento. “Necesitamos solo industrial e necesitamos desenvolvelo canto antes. Pero facelo rápido non significa facelo de calquera maneira. Hai que escoitar aos veciños, resolver as cuestións estruturais e conseguir un proxecto mellor”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *