AD

Destacado

«15 anos de chanchullos e manipulación»: Pontón apunta á Xunta e á CRTVG

today12 diciembre, 2024

Fondo
share close
AD

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, abordou nunha entrevista en Radio Líder Santiago algúns dos temas máis urxentes para Galiza, ofrecendo unha visión crítica da xestión do Partido Popular (PP) e presentando as propostas do BNG para un cambio político que beneficie á cidadanía. Desde a defensa da lingua galega ata o rexeitamento a proxectos contaminantes, Pontón destacou as súas prioridades e compromisos de cara ás eleccións de 2028.

Un dos puntos centrais da intervención de Pontón foi o deterioro que, segundo ela, está a sufrir Galicia baixo a dirección do PP. Denunciou que o país está a quedar atrás en servizos públicos, innovación e igualdade social. “O PP dinamitou a política social, e hoxe vemos como acceder a unha vivenda ou recibir unha atención digna na sanidade son retos case imposibles para moitas persoas,” afirmou.

Pontón subliñou que o BNG saíu da última asemblea nacional con forza renovada para liderar Galiza en 2028. “Temos que traballar para que Galiza poida decidir o seu futuro. Non podemos seguir cun goberno que relega a nosa terra ao último lugar en desenvolvemento industrial e innovación.”

Instante da entrevista en Radio Líder Santiago

Ana Pontón cargou duramente contra o que cualificou de «15 anos de chanchullos» na xestión do Partido Popular en Galiza, denunciando a adxudicación de contratos a dedo a empresas vinculadas a familiares de altos cargos do partido. A portavoz do BNG puxo exemplos concretos, como máis de 1.700 contratos concedidos sen concurso público a unha empresa ligada á familia do expresidente Feijóo. “Estamos a falar de prácticas que vulneran a igualdade de oportunidades para as empresas e que prexudican directamente aos galegos e galegas, desviando recursos públicos que deberían ser xestionados con transparencia,” afirmou Pontón.

Ademais, acusou ao PP de bloquear comisións de investigación no Parlamento para evitar que saian á luz estas irregularidades, poñendo en dúbida o compromiso do goberno popular coa democracia e a legalidade.

Outro tema destacado foi a situación crítica do idioma galego. Ana Pontón afirmou que Galiza é a única comunidade do Estado onde a lingua propia está a perder falantes, especialmente entre os máis novos. “Isto non ocorre por casualidade, senón por 15 anos de políticas galegófobas do PP,” explicou.

Pontón cualificou o actual decreto sobre o uso do galego no ensino como “unha vergoña” e reclamou a súa derrogación. Segundo ela, esta normativa está a relegar o galego a unha lingua secundaria, privando aos nenos e nenas de aprender e usar o idioma con normalidade. “O galego merece mil primaveras máis, e o que precisamos é vontade política para protexelo,” subliñou.

Pontón tamén abordou o proxecto de instalación da planta celulosa de Altri en Palas de Rei, unha proposta que considerou prexudicial tanto para o medio ambiente como para a economía local. “Galiza si, Altri non,” afirmou rotundamente. A deputada fixo un chamamento á cidadanía a participar na manifestación deste domingo en Santiago de Compostela en contra da macrocelusosa.

A portavoz do BNG advertiu que a planta suporía un risco para sectores clave como o agrogandeiro e o marisqueiro, poñendo en perigo miles de empregos. “Non podemos aceptar proxectos que destrúen o noso territorio e hipotecan o futuro. Precisamos apostar por modelos sostibles e innovadores que respecten a nosa riqueza natural,” declarou.

Álvaro Veiga e Ana Pontón no photocall da emisora

Pontón denunciou tamén o que cualificou como un “secuestro” dos medios públicos por parte do PP. Criticou que a CRTVG funcione como un “gabinete de prensa do Partido Popular” e alertou sobre unha reforma lexislativa que permitirá nomear o director da CRTVG sen consenso e incluír contidos en castelán. “Estamos ante un retroceso democrático moi grave,” indicou.

De cara ás eleccións de 2028, Pontón expresou optimismo e confianza na capacidade do BNG para liderar o cambio político que Galiza precisa. Entre as súas prioridades inmediatas destacou a sanidade pública con un plan de choque contra as listas de espera; a vivenda coa creación dunha empresa pública para garantir o acceso a vivendas accesibles e a igualdade, aplicando medidas urxentes para combater a violencia machista e promover a igualdade de xénero. “Estamos máis preto que nunca de acadar o goberno da Xunta de Galicia. O noso compromiso é construir un futuro máis xusto e sostible para todos os galegos e galegas,” concluíu.

A entrevista completa, no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%