AD

Comarca

A Praza de Galicia, na Estrada, estreará este domingo a escultura da familia Castelao-Pereira

today23 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • A elección do día e do lugar non é casual: este domingo cumpriranse 70 anos dende que o propio Castelao ofreceu neste mesmo emprazamento estradense un discurso histórico.
  • Cun peso de 250 quilogramos, está fundida en bronce, cun tamaño de dous metros. Quedará colocada, no marco do Ano Cultural Virxinia Pereira, a carón da fonte.
  • Tamén se instalará, gravada sobre un mapa de Galicia, a “Carta aos estradenses”, que o insignie galeguista escribiu na revista “Unión Estradense”.

A Estrada, 23 de xuño de 2026.- A Estrada estreará o domingo a escultura que reunirá á familia Castelao Pereira e que quedará instalada na Praza de Galicia, a escasa distancia da fonte pública que se recuperou para este espazo.

A elección da data e do lugar non é casual. Ademais de coincidir coa celebración das festas patronais de San Paio e de seren moi recente a reforma da Praza de Galicia, este domingo cumpriranse 70 anos dende que o propio Castelao ofreceu neste mesmo emprazamento estradense un discurso histórico. No momento da súa intervención, aquel domingo 28 de xuño de 1936 unha avioneta sobrevoou este lugar da Estrada esparexendo pasquíns a prol da autonomía galega.

Ademais, a actualmente denominada Praza de Galicia (designación moi axeitada cando se fala desta parella) foi un espazo moi importante para o matrimonio que conformaron a estradense Virxinia Pereira Renda e o rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Por este praza pasearon moitas veces e tamén foi a referencia espacial do seu casamento. E é que Virxinia e Castelao contraeron nupcias o 19 de outubro de 1912 na antiga igrexa de San Paio, que estaba moi preto de onde se colocará a estatua, e festexaron a súa voda na antiga sede do Casino, emprazada no edificio coroado por unha cúpula que moitos estradenses recoñecerán como a Casa do Capón ou o Edificio do Escobeiro.

Tamén a “Carta aos estradenses”

Tamén aquí se atopaba a fonte á que Castelao se refire na súa “Carta aos Estradenses”, publicada en 1941 na revista “Unión Estradense”. «Apaguei a miña sede na fonte da praza, onde correo a i-auga mellor do mundo», di o autor. De feito, a carón da escultura colocarase unha reprodución desta misiva ao pobo da Estrada.

E escultura foi elaborada por Acisclo Novo. Cun peso de 250 quilogramos, está fundida en bronce, cun tamaño de dous metros. Deste xeito, a peza recolle á familia a tamaño natural, coma tres paseantes máis nesta zona hoxe peonil. O fillo de Virxinia e Castelao, Alfonso Xesús, ocupa o lugar central da composición, que se instalará sobre unha pequena peaña que realza e protexe a escultura.

Para a colocación desta escultura o Concello da Estrada, que quixo enmarcar esta homenaxe no Ano Cultural Virxinia Pereira, contará coa colaboración económica da Consellería de Cultura, a través da súa Secretaría Xeral da Lingua.

A “Carta aos estradenses” vai incorporada sobre un mapa de Galicia tamén elaborado en bronce e colocado nun plano elevado de pedra que funciona a xeito de atril.

A inauguración destas dúas pezas realizarase ás 13.30 horas do domingo, na contorna da fonte da Praza de Galicia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *