AD

Actualidad

A Festa do Banquete volve á Carballeira de Conxo do 22 ao 24 de maio

today12 mayo, 2026

Fondo
AD

A Festa do Banquete volve á Carballeira de Conxo na fin de semana do 22 ao 24 de maio, completando un mes de intensa actividade cultural e de lecer. Neste 2026 o Banquete pon o foco no espazo no que se desenvolve e busca converterse nun evento ‘residuos cero’, como xeito de minimizar o impacto ambiental sobre a contorna. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, deron conta dos principais puntos da programación.

“Estamos nun mes de maio moi importante, chegan as festas para Compostela, empezamos con esta semana grande das Festas da Ascensión; tamén coincide o Día das Letras galegas e todas as actividades desa figura central para Compostela como é Begoña Caamaño, e remataremos con esa festa do Banquete de Conxo, os días 22, 23 e 24 de maio, unha festa que non só se circunscribe ao barrio de Conxo, senón que se estende polo conxunto de todo Santiago e da súa comarca. Porque hai moito atractivo dentro do Banquete, que fai que sexamos referente das persoas e colectivos”, reinvindicou a rexedora, que comezou dando conta da imaxe deste ano, un cartel inspirado nas dúas ideas do Banquete: a fraternidade e convivencia e a natureza e a relevancia do bosque. “Aí están esas figuras desas persoas brindando, nun banquete que sabemos que tiña un aspecto social, político, tamén de defensa de valores democráticos, de igualdade, de fraternidade; e ao mesmo tempo esa representación da natureza, dun paxaro, que neste caso é unha pega” e que se suma á lista de protagonistas dos cartaces de anos anteriores: o ferreiriño azul, o paporroibo e o merlo, “todas elas especies de paxaros que son moi habituais entre nós”, sinalou Sanmartín.

Residuos cero

A alcaldesa fixo fincapé nun dos principais obxectivos do Banquete deste ano: impulsar un evento ‘residuos cero’ “que minimice o impacto ambiental dunha festa con tan elevado número de participantes, en liña coa nosa idea impulsar un Concello sustentable en todo o seu conxunto”. Deste xeito, repartiranse folletos informativos acompañados de bolsas compostables para a separación de residuos e reforzarase a sinalética informativa co lema ‘deixa o bosque igual que cando chegamos’. No recinto só haberá colectores marróns para depositar os restos de materia orgánica e incidirase no compromiso das persoas asistentes de utilizar as zonas de separación de residuos situadas en catro localización á saída do recinto: Fervenza, Suarribas, e as dúas saídas do aparcamento do Provincial.

“Todo isto reforzado a través da difusión das redes sociais para esta unión entre a celebración e o coidado da nosa contorna, piares do noso Concello”, lembrou a rexedora.

Ecobosque

A esta prioridade de protexer e preservar a zona tamén se referiu a tenenta de alcaldesa na súa intervención. María Rozas lembrou que nesa conservación e posta en valor se vén traballando a través do Ecobosque, un proxecto impulsado desde o departamento de Emprego, ao que se destina un millón de euros de fondos europeos, a través da Fundación Biodiversidade.

“O proxecto Ecobosque tamén fai súa en certo modo a festa do Banquete de Conxo, con actividades que serven de aperitivo desa celebración do 24 de maio, e que xa poñemos en marcha esta mesma semana”, anunciou a tamén concelleira de Emprego, que salientou dúas actividades dirixidas aos colexios: “unha delas serán talleres de orientación, previos á Carreira de Orientación, que se van celebrar desde mañá día 13 ata o mércores 20; e a outra son sesións de BioBlitz, eventos que teñen como obxectivo que as persoas participantes rexistren o maior número de especies posibles da zona do Ecobosque. Serán a próxima semana, de luns a xoves”.

Tamén vinculado ao Ecobosque, pero xa para o público en xeral, o sábado 16 repetiranse dúas actividades que funcionaron moi ben na programación da “Primavera no Ecobosque”. Pola mañá haberá unha sesión de observación de aves, con SEO Birdlife: e pola noite, de 9 a 11, haberá unha sesión de observación de morcegos, con Morcegos Galicia. Nos dous casos, é preciso inscribirse no correo electrónico bosque@santiagodecompostela.gal.

Por último, dentro do proxecto Ecobosque, repítese tamén unha actividade que sempre conta con alta participación e que chega á súa terceira edición, a Carreira de Orientación do Ecobosque. Será o sábado 23 pola mañá, e xa está aberto o formulario para participar.

As persoas que participen nesta carreira terán como obxectivo visitar no menor tempo posible todas as balizas colocadas no ámbito do Banquete de Conxo. A participación pode facerse en equipos de ata seis persoas, e en tres categorías: as xestiñas, pensada para nenos e nenas que terán que percorrer menos de 3 kms; as xestas, con menos de 4 km de percorrido; e as xesteiras, que sería para persoas con certos coñecementos de orientación e bo nivel físico, que percorrerán máis de 5 km.

Volve o Pequeno Banquete

Como anunciou a alcaldesa, o programa desta edición recuperará algúns dos contidos “que xa coñecemos e que se volven organizar coa visión posta no coñecemento, divulgación e descubrimento do entorno natural; actividades que queren incidir de xeito activo e participativo na importancia da protección e conservación do Banquete”. Deste xeito, recupérase o Pequeno Banquete, que se celebrará na mañá do venres 22, como antesala á festa do domingo 24 de maio, pero limitada ao público infantil, co alumnado dos colexios de Infantil e Primaria.

“Será unha festa na que non faltará a representación teatral dos Quinquilláns sobre o acontecido no Banquete de Conxo en 1856, coa participación dos nenos e nenas asistentes, e tamén música, a cargo de Uxía Lambona e a Banda Molona”, engadiu María Rozas.

Mercado do libro

A tenenta de alcaldesa tamén deu conta doutro dos clásicos do Banquete, o Mercado do libro, que se celebrará na praza de Aurelio Aguirre o sábado 23 e o domingo 24 e no que haberá unha ducia de postos de editoriais e librarías nos que ao longo da fin de semana se desenvolverán diferentes actividades como presentacións de libros.

Tamén contará con tres postos de artesanía, nos que haberá demostracións ao vivo; e na zona, como é habitual, haberá tamén xogos infantís durante toda a fin de semana, tanto xogos populares como xogos de mesa, e tamén dous espectáculos para o público infantil.

“No sábado 23 repetimos coa sesión vermú pola mañá con dous grupos do Centro Xove da Almáciga: Acid Roots e W3ird Nois3, cos que xa temos contado noutras celebracións, porque xa sabedes que a nosa vontade é darlle todas as oportunidades para que o talento novo de Santiago poida visibilizarse e darse a coñecer entre o público da cidade”, sinalou a concelleira.

Roteiros e moito máis

Ademais da programación do Mercado do libro, o sábado 23 tamén haberá actividade cun clásico: o roteiro guiado por Henrique Alvarellos, desta volta baixo o título «As voces do bosque. Un paseo cultural pola histórica carballeira de Conxo», que achegará letra e natureza a quen se una ao percorrido.

Alén das novidades, o programa non esquece os imprescindibles: o venres non faltarán os Cantos de Taberna que rematarán en foliada final na praza de Conxo; e o sábado regresará o Canto Fraterno, coa participación de grupos de música tradicionais e canto coral. Rematará a xornada coa Festa da Poesía

Prato forte o domingo 24

O domingo 24 chega o prato forte da programación. A alcaldesa deboullou as actividades previstas, que arrancarán ás 11.00 h co desfile teatral ‘Alá van estudantes e artesás’ desde a praza do Toural ate Conxo. Dirixen e participan os Quinquilláns, acompañados por Luís “O Caruncho”, Lupe Blanco, as pandeireteiras do Csc de Vite As Viteiras, IES Arcebispo Xelmirez II, Clube Mozo e Veciñanza Activa do CSC Aurelio Aguirre de Conxo, Asociación Aspas, As Superactivas do CSC de Santa Marta, Asociación Cultural A Ruliña de Laraño, Brigadas Teatrais de Catoira, Coral A Oliveira de Monte Branco (Ponteceso), o Grupo de gaitas Os Farrapos de Cesullas de Cabana de Bergantiños e Asociación Cultural Pena Maior de Marrozos.

“Animamos a participar a toda a veciñanza, a que se acheguen cos seus traxes de época e a que acompañen a comitiva ata o mesmo Bosque para desfrutar da tarde de romaría, do Serán da Fraternidade”, salientou Sanmartín que tamén anunciou o nome das parroquias convidades este ano: O Eixo e Vidán. O pregón de benvida correrá a cargo de Nuria González Casais e Maika González Rozas, da Asociación de Veciños Mestra Victoria Míguez de Vidán, e de integrantes da asociación de veciños Domingo Cepeda de O Eixo.

Despois será o turno do xantar e romaría popular. Posteriormente, comezará o serán de fraternidade, coa foliada de música tradicional na que participan Devagarinho de Villestro, Asociación de Música e Baile tradicional de Conxo, Grupo de cantos de taberna Cantador@s de Recandea do Castiñeiriño, Muiñeiros do Sarela e Asociación Penamaior de Marrozos.

A partir das 17:30 horas, na Praza de Conxo, será turno para Os Monifates, un espectáculo lúdico e didáctico, pensado para o disfrute de toda a familia e con tradición.

E xa ás 18.30 horas, comezará a despedida da festa con brindes a cargo de Celia Pinaque, da Asociación de Veciños Mestra Victoria Míguez de Vidán, de integrantes da asociación de veciños Domingo Cepeda de O Eixo, e do Centro Down Compostela. “Aínda gardamos algunha sorpresa para o brinde final, que daremos a coñecer en próximas datas”, abundou Sanmartín.

Tren turístico

Para achegarse ao Banquete, ademais das múltiples sendas que vertebran a cidade e do reforzo de servizo de autobuses públicos, tamén se contará, de novo, co Tren do Banquete, un atractivo xeito de coñecer as rúas principais da cidade nun medio de transporte pouco habitual.

“Temos que poñer moito en valor os principios da igualdade, da fraternidade, dun espazo que reivindicamos comunmente como elemento de memoria colectiva”, destacou para rematar a rexedora, que quixo facer un agradecemento especial aos veciños e veciñas de Conxo, “que decidiron ter unha memoria, pasárnola e partillala co conxunto da veciñanza de Compostela”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *