Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 octubre, 2026
• A elevada demanda obrigou a ampliar as prazas dispoñibles para unha cita que atraerá participantes de toda Galicia
• O polideportivo municipal acollerá durante toda a xornada competicións infantís, por parellas e individuais, con entrada libre para o público
Padrón. 23-10-2026.- Máis de 200 persoas chegadas de distintos puntos de Galicia participarán mañá, sábado 24 de outubro, no I Concurso de Puzzles de Padrón, unha cita organizada pola Asociación Española de Puzzles (Aepuzz) coa colaboración do Concello de Padrón e que terá como escenario o polideportivo municipal.
A convocatoria superou as previsións iniciais e a organización tivo que ampliar o número de prazas dispoñibles para dar resposta á elevada demanda de participantes. O Concello de Padrón implicouse na organización da actividade a través da Concellería de Novas Tecnoloxías.
O concurso comezará ás 10.00 horas coas categorías infantís, divididas en tres grupos: de 4 a 6 anos, de 7 a 9 e de 10 a 12 anos. A continuación terá lugar a modalidade por parellas e, xa durante a tarde, celebrarase a proba individual.
O polideportivo municipal permanecerá aberto ao público de maneira gratuíta durante toda a xornada, polo que a veciñanza e as persoas que se acheguen a Padrón poderán seguir as diferentes probas e compartir o ambiente dunha competición pensada para públicos de distintas idades.
Tres modalidades e premios para as persoas participantes
O programa inclúe as tres categorías infantís, a competición por parellas e a modalidade individual. Ao longo da xornada haberá agasallos, sorteos e premios, con recoñecementos específicos para as persoas mellor clasificadas nas diferentes probas.
Esta primeira edición do concurso nace coa intención de ofrecer unha proposta de lecer diferente, ademais de favorecer a convivencia arredor dun pasatempo que combina concentración, rapidez e axilidade mental. O evento preséntase como un plan idóneo para gozar en familia ou entre amigos.
Implicación do comercio e das empresas de Padrón
A iniciativa contou cunha destacada resposta do tecido empresarial local. Diversos establecementos e empresas da vila colaboraron mediante achegas económicas, servizos e agasallos, contribuíndo á organización dos premios e ao desenvolvemento da xornada.
Entre as firmas colaboradoras figuran Recambios Carbajal, A Pementeira, Tatino, Calzados Noya, Vamos de Troula, Almacenes Eladio, A Casiña da Avoa, Viajes Susavila, Eiras Fisioterapia, Librería Pensamentos, Pulpería Rial e A Parada do Camiño.
Desde o Concello de Padrón valórase a boa acollida desta primeira edición, que incorpora unha nova proposta á programación da vila durante a fin de semana e contribúe á dinamización social e económica do municipio.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)