Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 septiembre, 2024
23/09/2024 A Policía Local de Santiago volverá percorrer os centros educativos de Santiago para concienciar ao alumnado das consecuencias que poden ter determinadas condutas incívicas asociadas ao ocio nocturno. O concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, deu conta hoxe do comezo das charlas, que volverá impartir o policía Martín Camba.
Xan Duro explicou que «estas charlas son complementarias das que impulsan outros departamentos municipais, como poden ser Mocidade ou Dereitos Sociais, e abordan a problemática das condutas incívicas desde o punto de vista das consecuencias legais que poden ter para quen as cometen». Trátase de explicarlles aos mozos e mozas as ordenanzas municipais, os motivos polos que determinadas accións son consideradas infraccións, e cales son as medidas sancionadoras que se prevén para actos como beber na rúa, vociferar ou ouriñar nos espazo públicos.
O encargado de impartir as charlas é Martín Camba, que explicou que a iniciativa céntrase nos centros de ensino secundario, «para atender ás franxas de idade nas que os mozos e mozas adoitan ter as súas primeiras experiencias de ocio nocturno». Ademais, haberá charlas en residencias universitarias e colexios maiores, e como novidade este ano, a iniciativa chegará tamén ás ANPAS, «para que as nais e pais coñezan a normativa relacionada co ocio nocturno, tendo en conta o seu papel fundamental na concienciación, que debe partir da información».
Martín Camba explicou que as charlas «están pensadas para interactuar cos mozos e mozas, a través de exemplos moi concretos sobre condutas reais e habituais». Trátase, apuntou, de que a rapazada «sexa consciente de qué situacións concretas poden provocar qué problemas concretos, e tamén de que coñeza por que as ordenanzas son como son, por que os seus artigos están redactados de determinada maneira, e cales son os obxectivos que perseguen».
As charlas comezarán o próximo día 1 de outubro, e desenvolveránse ao longo dos próximos meses en todos aqueles centros que o soliciten. O ano pasado, as charlas organizadas pola Policía Local chegaron a máis de 3.000 alumnos e alumnas de Santiago.
Escrito por Líder Redacción
charlas mocidade noticias compostela ocio nocturno Policia local santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)