Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 julio, 2026
Esta mañá celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que se aprobou a solicitude dunha subvención nominativa, a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ames, para a construción do mercado municipal de abastos
Este proxecto enmárcase dentro do plan Conecta Ames, incluído dentro da convocatoria para a asignación de senda financeira do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional aos plans EDIL, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao FEDER para o período 2021-2027. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno
Ames, 15 de xullo de 2026.- Esta mañá celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que se aprobou a solicitude dunha subvención nominativa, a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ames, para a construción do mercado municipal de abastos. Este proxecto enmárcase dentro do plan Conecta Ames, incluído dentro da convocatoria para a asignación de senda financeira do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional aos plans EDIL, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao FEDER para o período 2021-2027. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.
O pleno comezou co alcalde dando conta da urxencia da sesión plenaria. Dita urxencia foi ratificada por unanimidade, para que o convenio poida ser tratado o antes posible no Consello da Xunta e presentado na Deputación da Coruña. De seguido, abordouse a solicitude da subvención nominativa á Deputación Provincial da Coruña e á Xunta de Galicia, mediante convenio de colaboración, por importe de 2 millóns de euros para o financiamento de dita actuación, cuxo importe total ascende a 3.293.003,90 euros (IVE incluído). Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do Goberno municipal e do Partido Popular de Ames. Os/as edís do BNG e Espazo Común abstivéronse.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que “o futuro mercado municipal de Ames estará situado en dúas parcelas que se atopan próximas á avenida da Peregrina, en Bertamiráns, unha delas é onde está situada a Casa Barbazán, e a outra é a parcela onde está situado o aparcadoiro municipal da Telleira. Estas parcelas suman un ámbito de actuación de 4.431 metros cadrados. Esta actuación forma parte do proxecto Conecta Ames, enmarcado no plan FEDER 2021-2027. O orzamento total desta actuación é de 3.293.003,90 euros (IVE incluído). O acordo pretende formalizar este convenio de colaboración entre as tres administracións. No convenio recóllese a distribución do financiamento en tres anualidades; en 2026, 600.000 euros; en 2027, 1.200.000 euros; e en 2028, 1.493.003,90 euros. A Consellaría aportaría 1 millón de euros, a Deputación outro millón de euros, e ao Concello correspóndenlle 1.293.003,90 euros”.
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, destacou que “o mercado municipal está concibido como a peza fundamental dunha estratexia alimentaria integral de km 0, complementada cun banco de terras para a produción ecolóxica, a integración co entorno e accións de apoio aos produtores locais. Sobre o papel é un proxecto moi atractivo, pero non naceu froito do consenso político. Cando se aprobou o plan EDIL xa dixemos que botamos de menos un verdadeiro proceso de participación de toda a Corporación. Nunca se nos deu oportunidade de participar na definición dos proxectos nin de facer achegas. É certo que son proxectos que estaban recollidos na Axenda Urbana e que esta contou cun proceso participativo, pero isto non pode servir de escusa para excluír aos grupos da oposición do proceso de elaboración dun plan estratéxico que pretende marcar o futuro do noso concello durante os próximos anos. Este non é un proxecto da Corporación, é un proxecto do goberno socialista. Este proxecto xéranos moitas dúbidas porque carece dun plan de viabilidade, polo que imos a absternos”.
De seguido, o concelleiro do BNG, Alexandre Espinosa, comezou dicindo que “este asunto abórdase en pleno de xeito urxente, sen dispor de tempo suficiente para un estudo rigoroso da documentación. O que si se fixo con tempo foi a promoción publicitaria, o 2 de marzo de 2023 xa se fixo a presentación do anteproxecto”. Ademais, dixo “sobre o financiamento da achega municipal e sobre o impacto deste investimento, desde o BNG de Ames temos importantes dúbidas sobre a viabilidade económica do proxecto e o impacto que terá nas contas municipais. A documentación non explica con suficiente detalle como está previsto que o Concello financie a súa achega ao investimento. Este compromiso económico, que se vai estender durante varios exercicios, pode condicionar a capacidade municipal para acometer outras actuacións prioritarias ou obrigar a reducir investimentos noutros servizos públicos. A nosa principal dúbida é se será necesario recorrer ao endebedamento mediante crédito. Tamén é certo que este proxecto pode ser unha oportunidade para dinamizar o comercio e favorecer os circuítos curtos de comercialización, pero coa documentación actual non existe garantía suficiente para avaliar o seu impacto real. Por todo isto, imos a absternos”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou que “nós compartimos a idea de dotar ao concello dunha infraestrutura que impulse o comercio local e os produtos de proximidade. Cremos que é un proxecto positivo para Ames, pero que un investimento desta envergadura merece unha maior explicación e planificación. Gustaríame destacar que seguimos sen coñecer aspectos importantes como son a viabilidade futura do mercado, o modelo de xestión, os custes de mantemento, ou a garantía de que non recaeran máis cargas económicas sobre as arcas municipais. Valoramos de xeito positivo que se busque financiamento na Xunta de Galicia e na Deputación, xa que isto supón reducir o esforzo económico do Concello. Consideramos que antes de asumir compromisos desta magnitude debería de existir unha información máis completa. Por responsabilidade imos a votar a favor dun proxecto que vai a ser beneficioso para os veciños e veciñas de Ames, e que ademais busca captar dous millóns de euros doutras administracións. Esperamos que este proxecto non se converta nun novo centro multifuncional e que acumule múltiples sobrecustes e atrasos”.
Pechou o debate o alcalde, Blas García, que destacou “este proxecto forma parte do plan europeo EDIL, a través do cal se nos concederon 11 millóns de euros, dos cales o Concello ten que poñer o 40%, algo máis de 4 millóns de euros, e deste importe estamos aforrando 2 millóns con esta subvención nominativa, polo que o Concello terá que achegar 2 millóns de euros. Eu penso que é unha xestión bastante boa, aínda que para vostedes todo é negativo e todo está mal feito. Este é un proxecto que xa hai tempo que se explicou e debateu, e que tamén se lle explicou aos comerciantes de Ames. Estes coinciden con nós en que é positivo para dinamizar o comercio local, ao igual que se fai noutras localidades de Galicia coma Boiro ou Padrón. Entendo que queiran quitarlle mérito aos proxectos este goberno, pero o que se consegue hoxe é un aforro de dous millóns de euros grazas a unha xestión que se leva facendo con dúas administracións distintas, algo que non é moi común”.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)