Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 abril, 2026
Veciñanza e Plataforma evidencian sobre o terreo os riscos de seguridade viaria, o impacto ambiental e os prexuízos para a vida no rural
Cacheiras, 18 de abril de 2026. Numerosas veciñas e veciños participaron hoxe sábado na andaina reivindicativa convocada pola Plataforma STOP Planta de Residuos Cacheiras Aldeas Limpas, que partiu desde o parque infantil da Torre para percorrer as pistas que rodean os terreos onde se pretende instalar a planta de tratamento de residuos de construción e demolición promovida por Excavaciones Midón.
As persoas asistentes, ataviadas coas súas camisetas amarelas co logotipo da plataforma, protagonizaron unha mobilización visible e participativa, percorrendo o mesmo trazado polo que, de saír adiante o proxecto, circularían a diario numerosos camións cargados de materiais de obra.
Durante o percorrido realizáronse paradas nas entradas aos terreos de Excavaciones Midón, onde membros da directiva da plataforma atenderon aos medios de comunicación para explicar os motivos do rexeitamento veciñal. Así mesmo, a comitiva detívose nas vivendas máis próximas, onde se puideron ver pancartas de oposición á instalación da planta colgadas nas fachadas e valados.
«O principal obxectivo da andaina foi evidenciar sobre o terreo as dimensións e características das pistas da contorna, estreitas e de difícil tránsito, nas que non é posible o paso simultáneo de dous vehículos, e moito menos se un deles é un camión de grandes dimensións cargado con toneladas de entullos» explicaron desde a Directiva da Plataforma. A veciñanza advertiu do «grave risco para a seguridade viaria que suporía este incremento de tráfico pesado», así como do «deterioro acelerado que sufrirían estas vías, que constitúen os únicos accesos ás nosas vivendas», afirmaron.
Ademais, durante a mobilización púxose o foco no impacto ambiental e na saúde das persoas, facendo fincapé no po en suspensión que xeraría a actividade da planta —derivado da trituración de formigón, cemento, pedra ou terra— e no ruído constante das máquinas e dos propios camións no seu tránsito de entrada e saída.
Desde a Plataforma reiterouse a petición ás distintas administracións para que se despracen ao lugar e «coñezan de primeira man a realidade da contorna e os prexuízos que esta instalación causaría ás vidas das numerosas persoas que habitan nas vivendas das aldeas de Feros, A Torre, Raxó e do conxunto de Cacheiras», segundo manifestaron.
Así mesmo, informaron de que a Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular vén de convocar á Plataforma a unha reunión que terá lugar o vindeiro venres 24 de abril. Representantes veciñais explicaron que «acudirán a este encontro coa vontade de trasladar estas preocupacións e coa esperanza de que a administración autonómica revise o proxecto e denegue a autorización», co obxectivo de salvagardar a calidade de vida e o modelo de vida rural destas aldeas, segundo declararon.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)