Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 noviembre, 2023
Arzúa, 15 de novembro de 2023.- A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Arzúa vén de lanzar o programa “Galeguízate”, un ciclo de actividades que, tal e como expresou a concelleira Lucía López Sobrado “buscan promover o prestixio da lingua galega, rachar cos prexuízos sobre ela e aumentar a conciencia en relación co seu uso en todos os ámbitos da sociedade”, sinalou.
A través deste programa realizaranse actividades mensuais, a primeira xa ten data e será o vindeiro venres, 17 de novembro, en colaboración co Departamento de Lingua galega do IES de Arzúa, dirixida ao alumnado de 2º de Bacharelato.
Trátase da presentación do libro “A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050”, editado por Catro Ventos, unha obra colectiva na que dezasete persoas mozas de diferentes eidos, desde a ciencia, pasando pola música, o xornalismo até a docencia, reflexionan sobre a situación da lingua galega, imaxinan o seu futuro e comparten os desexos que teñen para ela. Participarán nesta presentación no IES de Arzúa o editor Isidro xxxxxxxxxx e unha das autoras, Julieta Insangaray. “Desde a Concellaría de Normalización Lingüística queremos agradecer a colaboración entusiasta por parte do profesorado do IES de Arzúa” sinalou a concelleira Lucía López Sobrado.
López Sobrado, avanzou tamén que “xa está preparada a actividade que terá lugar no vindeiro mes de decembro. En concreto, o 16 de decembro ás 12 horas na Capela da Madanela aberto a todos os públicos, contaremos co profesor e escritor Carlos Callón, presentando a súa obra “O libro negro da lingua galega”, co que vén de gañar o premio da Crítica de Galiza 2023, na categoría de investigación”.
Lucía López Sobrado animou a toda a veciñanza arzuá a “sumarse as actividades que en torno a este programa “Galeguízate!” iremos desenvolvendo nos vindeiros meses, buscando sempre tomar conciencia da importancia de protexernos o noso ben máis prezado: a nosa lingua propia, a lingua galega, falándoa en todos os contextos, con orgullo de sermos galegas e galegos” concluíu.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)