Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 septiembre, 2026
Arzúa, 29 de setembro de 2026. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa pon en marcha, por undécimo ano consecutivo, o programa cultural Outono a escena, unha iniciativa que volverá dinamizar as fins de semana dos meses de outubro e novembro cunha ampla programación de artes escénicas, música e cinema dirixida a públicos de todas as idades.
O certame ofrecerá un total de dezaseis propostas culturais ao longo dos dous meses. A Capela da Madanela será o escenario principal da programación e acollerá os ciclos Venres na Capela, destinado ao público adulto, e Sábados en familia, pensado especialmente para o público infantil e familiar.
A primeira cita terá lugar este venres, 2 de outubro, ás 18:00 horas, coa representación de Go on!, un espectáculo de teatro cómico da compañía Malasombra Producións.
Como novidade, a programación de outubro incorporará tamén varias proxeccións incluídas no Ciclo de Cinema Galego Mestre Mateo. Ao longo do mes desenvolveranse distintos pases dirixidos ao público escolar e, o venres 26 de outubro ás 20:00 horas, a Casa de Correos acollerá a proxección da película Sirat.
Os Sábados en familia achegarán igualmente diferentes propostas para os máis pequenos. O 10 de outubro terá lugar o espectáculo de contacontos e música Dedín, Dedín, Dedal, mentres que o sábado 24 será a quenda de Gabinete Mirabilia, a cargo de Pablísimo.
Ademais, o venres 30 de outubro chegará a Arzúa o Programa Camiño Escena Norte coa compañía asturiana El Callejón del Gato, que porá en escena El gato con botas de agua, unha proposta tamén destinada ao público infantil e familiar. Todas estas funcións celebraranse na Capela da Madanela ás 18:00 horas.
A programación de Outono a escena continuará durante o mes de novembro con novas propostas que incluirán monólogos, teatro cómico, cinema e diversas actividades dirixidas ao público escolar con motivo da conmemoración do Día da Infancia.
O concelleiro de Cultura, José Luís García, anima á veciñanza a “participar desta completa programación, pensada para todos os públicos como un lugar de encontro, cultura e entretemento nas tardes de outono”.
García destaca tamén “a importancia da colaboración cos centros educativos, programando numerosas actividades en horario lectivo que permiten asegurar a participación de centos de nenos e nenas na programación cultural do noso concello”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)