AD

Actualidad

Arzúa presenta a II Marcha Cicloturista BTT “Arzúa Destino Verde” con tres percorridos e 500 prazas

today4 mayo, 2026

Fondo
share close
AD
  • A proba celebrarase o vindeiro 24 de maio e incorpora como novidade unha ruta intermedia para ampliar a participación

A Casa de Correos acolleu esta mañá a presentación oficial da II Marcha Cicloturista BTT “Arzúa Destino Verde”, unha cita deportiva organizada pola Concellería de Turismo de Arzúa, dirixida por Begoña Balado, e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

A proba, que regresa cun formato ampliado e renovado, celebrarase o vindeiro 24 de maio, a partir das 09:30 horas. No acto participou a propia concelleira de Turismo, xunto ao deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira. Tras o éxito da primeira edición, que esgotou as súas 400 prazas, a organización aposta este ano por dar un paso máis, ampliando a participación ata os 500 dorsais e incorporando novidades tanto no percorrido como na estrutura da proba.

Unha das principais incorporacións é a creación dunha terceira ruta intermedia, pensada para facilitar a participación de distintos perfís de ciclistas. Deste xeito, a proba contará con tres opcións:

  • Ruta curta: 32 km (+503 m)
  • Ruta intermedia: 49 km (+1.027 m)
  • Ruta longa: 70 km (+1.665 m)

Durante a presentación, Begoña Balado destacou o valor desta iniciativa como ferramenta de promoción do territorio: “Esta marcha non é só unha proba deportiva, é tamén unha oportunidade para descubrir Arzúa desde outra perspectiva, poñendo en valor o noso entorno natural e consolidándonos como destino vinculado ao turismo activo e sostible”. Ademais, subliñou que “a incorporación dunha nova distancia responde á vontade de abrir a proba a máis xente, facendo da BTT unha experiencia accesible e compartida”.

Pola súa banda, Antonio Leira puxo en valor este tipo de propostas: “Actividades como esta son imprescindibles, porque combinan deporte, turismo, cultura e patrimonio nun mesmo evento. A Marcha BTT Arzúa – Destino Verde reúne todos eses elementos nun entorno incomparable, e é moi importante que a Deputación estea aí”.

A II Marcha BTT “Arzúa Destino Verde” desenvolverase nun percorrido renovado, con novos trazados máis variados e espectaculares, e contará con avituallamentos ao longo do itinerario. Ademais, haberá sorteos de agasallos entre todas as persoas inscritas, reforzando o carácter participativo da xornada.

As inscricións están abertas e poden realizarse a través da plataforma www.sportmaniacs.com, onde as prazas avanzan a moi bo ritmo.

Nesta segunda edición, Arzúa reforza esta cita deportiva como unha proposta que combina deporte e turismo activo, poñendo en valor o territorio e a experiencia nun destino que aposta polo seu posicionamento como Destino Verde.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *