AD

Comarca

Batefogo inicia en Dodro as xuntanzas veciñais para elaborar plans de autoprotección fronte aos incendios

today10 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

A primeira reunión celebrouse o 8 de outubro en Teaio e a seguinte terá lugar en Pexegueiro, ás 20:00 horas.

Dodro, 10 de outubro de 2026. O proxecto Batefogo avanza en Dodro coa posta en marcha dun proceso participativo para elaborar plans de autoprotección fronte aos incendios forestais nas aldeas de Teaio e Pexegueiro. A iniciativa busca implicar a veciñanza na prevención e na preparación ante posibles emerxencias, ao tempo que contribúe á dinamización social e económica do medio rural.

Tras unha primeira fase de diagnóstico, na que se realizaron entrevistas a diferentes axentes clave do territorio, o proxecto inicia agora as xuntanzas coa veciñanza destes dous núcleos, identificados como especialmente vulnerables. A primeira reunión celebrouse o pasado 8 de outubro en Teaio e a seguinte terá lugar en Pexegueiro, ás 20:00 horas.

A veciñanza, protagonista do proceso

Nas xuntanzas preséntanse a diagnose inicial e o mapa preliminar de riscos. A partir destes documentos, as persoas participantes debaten sobre os riscos identificados, a súa correspondencia coa realidade de cada aldea e as necesidades e os recursos existentes.

O obxectivo é construír os plans de autoprotección desde o propio territorio, incorporando os coñecementos, as experiencias e as propostas das persoas que viven nel. Trátase de reforzar a capacidade das comunidades para previr os riscos, prepararse e actuar ante unha posible emerxencia, reducindo a vulnerabilidade da veciñanza, das vivendas e do territorio.

A autoprotección cobra especial relevancia nos núcleos rurais situados na chamada interface urbano-forestal: zonas nas que as vivendas e outras edificacións están próximas ou rodeadas de vexetación e presentan, por tanto, unha maior exposición aos incendios forestais.

Prevención e participación fronte aos incendios

Os incendios forestais constitúen unha problemática complexa en Galicia, con importantes consecuencias ambientais, económicas e sociais. Ademais dos danos directos sobre a superficie forestal e o patrimonio, poden provocar perda de solo, alteracións nos ecosistemas fluviais, morte e desprazamento de animais e efectos sobre a saúde física e psicolóxica das persoas.

Neste contexto, Batefogo aposta por reforzar a prevención e a autoprotección a través da participación cidadá, incorporando unha perspectiva a medio e longo prazo sobre a xestión do territorio e as actividades económicas e sociais no rural. A iniciativa promove así comunidades máis preparadas e implicadas na prevención dos riscos.

Desde Batefogo anímase a veciñanza a participar nestas primeiras xuntanzas e a compartir os seus coñecementos e experiencias para contribuír á elaboración dos plans de autoprotección das súas aldeas.

O proxecto conta co financiamento da Deputación da Coruña, no marco do programa de subvencións a entidades sen fin de lucro para o cofinanciamento de proxectos de actividades no ámbito do medio ambiente durante o ano 2026. Conta tamén coa colaboración dos concellos de Dodro e Padrón e das comunidades de montes de ambos os municipios, entre elas as de Cruz de Avelán e Balouta e Fontecoba, en Dodro.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *