Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, destacou durante unha entrevista en Radio Líder Santiago a riqueza cultural e relixiosa que ofrece o municipio nesta Semana Santa, unha celebración que xa se converteu nun referente na comarca.«Somos xa un referente na comarca durante a Semana Santa e atraemos cada ano a máis veciños e visitantes» afirmou o alcalde, quen subliñou o traballo da Irmandade do Cristo da Misericordia para organizar unha programación completa con actos litúrxicos, procesións e actividades culturais.
Romero salientou que este ano haberá máis de 15 procesións, incluídas as nocturnas, que son as máis espectaculares. «As nocturnas son as que máis reclamo teñen de público porque lucen moitísimo. É un espectáculo coa posta en escena da cofradía», explicou. A programación esténdese dende o 5 ata o 20 de abril, Domingo de Resurrección, con actos como a procesión da Festividade das Dores.
O alcalde destacou o compromiso do Concello para potenciar a Semana Santa: «Seguimos apoiando estes actos, engadindo valor dende o relixioso, cultural e turístico». Ademais, resaltou o esforzo continuo da Irmandade: «Hai un traballo persoal de moita xente durante todo o ano. Non remata esta Semana Santa e xa comezan a preparar a seguinte».
Aproveitando a entrevista, Romero avanzou novidades sobre proxectos clave para Boiro como a urbanización de mil vivendas: «Este ano aprobarase o proxecto de urbanización, o que transformará Boiro nun antes e un despois» e a residencia pública: «Estivemos reunidos cunha asociación de xubilados para materializar esta ansiada residencia».
O alcalde rematou cunha invitación a disfrutar da Semana Santa en Boiro: «Quero animar a todo o mundo a vir a Boiro a gozar non só dos actos relixiosos, senón tamén da nosa gastronomía, paisaxe e programación lúdica».
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)