Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 octubre, 2024
Boqueixón, 3 de outubro de 2024.- O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, visitou esta mañá as obras de mellora da estación depuradora de augas residuais de Pumariño (Pousada), que dá servizo ao polígono industrial de Camporrapado. Unha actuación na que o Concello de Boqueixón inviste máis de 100.000 euros e que se agarda que estea rematada antes de finalizar este mes de outubro.
As obras comezaron coa instalación dun novo decantador, que permitirá aumentar a capacidade de depuración das instalacións actuais xa que poderá afrontar un volume de decantación de 33 m3. Así mesmo, colocarase unha nova reixa de desbaste automática. Dúas pezas que están deseñadas para manexar unha carga contaminante duns 600 habitantes equivalentes.
Posteriormente procederase a instalar unha válvula de corte, que facilitará o baleirado de lodos no pozo de rexistro, repararase o decantador secundario e substituirase a bomba do sistema de recirculación de lodos entre o decantador secundario e o reactor biolóxico. Por último executarase unha soleira de formigón que mellorará a nivelación da depuradora e permitirá evitar problemas de asentamento.
Rodeiro Tato destaca que con estas actuacións “permitirá reparar e ampliar a capacidade dunha das dúas estacións de depuración de augas residuais que dan servizo ao polígono industrial de Camporrapado así como aos veciños e veciñas da contorna”. Esta EDAR presta servizo a 200 abonados, o que equivale a unha poboación duns 500 habitantes.
Na actualidade, o Concello de Boqueixón dá subministro de auga ao 100% das casas e servizo de depuración a todas as aldeas. Conta cun total de 12 depuradoras e prevé poñer en funcionamento outras 12 microdepuradoras de infiltración, que darán servizo a vivendas illadas e cuxo custe asumirán o Concello e a Xunta de Galicia.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)