Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 septiembre, 2026
O futbolista compostelán será recibido pola Corporación Municipal o 14 de setembro ás seis da tarde no Pazo de Raxoi, tras converterse este verán no primeiro xogador galego en gañar o Mundial. As persoas que o desexen poderán achegarse á praza do Obradoiro para participar desta acollida.
O Pazo de Raxoi acollerá o vindeiro luns, 14 de setembro, ás 18.00 horas unha recepción oficial ao futbolista compostelán Borja Iglesias (Santiago de Compostela, 1993), cunha importante traxectoria deportiva de base en Compostela e que vén de ser proclamado campión do mundo coa selección española tras conquistar o Mundial 2026 na gran final disputada ante Arxentina no estadio de Nova York–Nova Jersey o pasado 19 de xullo.
Ao acto están convidados todas as concelleiras e concelleiros integrantes da Corporación Municipal e estará encabezado pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a responsable municipal de Deportes, Pilar Lueiro. Goretti Sanmartín avanzara xa nas últimas semanas a vontade do goberno municipal para fixar o recoñecemento público e institucional a este deportista compostelán que é o primeiro galego en gañar o Mundial de Fútbol e que destaca especialmente polo seu compromiso social.
O acto consistirá nunha recepción oficial na Casa do Concello, en palabras da rexedora, “a mellor homenaxe que se lle pode facer a unha persoa compostelá a quen tanto lle debemos”, coa presenza de todos os grupos que forman a Corporación Municipal e coa posibilidade de que a veciñanza de Santiago de Compostela que así o desexe se achegue á praza do Obradoiro para participar desta acollida.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, mantivo contactos co dianteiro do Celta durante este verán, desde o primeiro momento en que gañou a Copa do Mundo para compartir a alegría da cidade e organizar este recoñecemento público.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)