Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 mayo, 2026
O músico vigués falou en Radio Líder Santiago da súa actuación no festival compostelán dentro da xira “Lugares Máxicos”, coa que celebra os 30 anos de A Irmandade das Estrelas. Tamén conversamos con Rafa Sexto, presidente da Agrupación Folclórica Colexiata do Sar, e con José Mato, vogal da entidade organizadora, sobre a programación e o crecemento de Folk na Beira do Sar.
O barrio do Sar volverá converterse nun dos grandes epicentros da cultura tradicional galega coa celebración da quinta edición de Folk na Beira do Sar, un festival impulsado e organizado pola Agrupación Folclórica Colexiata do Sar que se desenvolverá os días 5, 6 e 7 de xuño en diferentes espazos do barrio compostelán, como o Claustro, a Horta e a Praza da Colexiata, ademais das rúas do Sar e tamén do Centro Comercial As Cancelas.
Concertos, gastronomía, artesanía, exposicións, showcookings, pasarrúas e actividades familiares conformarán unha programación que volverá pechar cun dos momentos máis esperados do festival: o concerto de Carlos Núñez na Praza da Colexiata.
O músico vigués participou por teléfono durante a entrevista realizada nos estudos de Radio Líder Santiago, onde definiu a actuación no Sar como “un dos concertos máis especiais do verán”. O artista explicou que a xira “Lugares Máxicos” nace precisamente da idea de actuar en espazos con identidade propia e destacou especialmente o ambiente que se vive no barrio compostelán.
“É algo máis que un concerto. É unha tradición. É un concerto para a xente e para os veciños”, asegurou Carlos Núñez, que volverá participar no festival por quinto ano consecutivo. O músico destacou ademais o carácter humano e comunitario desta cita cultural: “O Sar ten uns veciños superactivos, xente á que lle gusta encontrarse”.
O concerto do domingo 7 de xuño formará parte da xira “Lugares Máxicos”, coa que o artista celebra os 30 anos de A Irmandade das Estrelas, o disco publicado en 1996 que marcou un antes e un despois na música celta e na proxección internacional da música tradicional galega.
“Foi un disco que se adiantou aos tempos”, afirmou Núñez durante a entrevista, na que lembrou que aquel traballo reuniu influencias da música tradicional galega, Portugal, Latinoamérica e do mundo celta. O artista reivindicou tamén a importancia da música interpretada “de maneira orgánica”, con todos os músicos tocando xuntos e buscando “a maxia” de cada interpretación.
Pola súa parte, Rafa Sexto, presidente da Agrupación Folclórica Colexiata do Sar, explicou que Folk na Beira do Sar naceu “como unha iniciativa cultural e social” para dinamizar tanto o barrio como a cidade de Compostela a través da música, a cultura e a gastronomía. O responsable da entidade destacou ademais que o concerto de Carlos Núñez se converteu xa nunha das grandes tradicións do festival: “É un concerto que a cidade espera case ano tras ano”.
Un festival cheo de música, cultura e actividades
A programación arrancará o venres 5 de xuño no Centro Comercial As Cancelas cunha actuación musical da propia Agrupación Folclórica Colexiata do Sar, entidade fundada oficialmente no ano 1980 e que este ano celebra o seu 46 aniversario. Posteriormente arrancarán as actividades do festival na Colexiata do Sar coa inauguración da exposición “CoSar e cantar” e co concerto de Astarot, banda histórica do rock galego e en galego, que actuará na Praza da Colexiata.
Durante a entrevista, Rafa Sexto explicou que a exposición “CoSar e cantar” nace arredor da colección de máquinas de coser antigas de Jesús de Maceda, un coleccionista que comezou a restauralas tras un problema de saúde sufrido no ano 2017. A mostra contará con arredor de 50 máquinas restauradas, algunhas delas de finais do século XIX.
O presidente da agrupación explicou ademais que o nome da exposición nace da unión desa colección co obradoiro de costura posto en marcha este ano pola propia entidade, unha actividade que, segundo destacou, “funcionou moi ben”. Rafa Sexto avanzou tamén que esta proposta poderá converterse “posiblemente a final de ano” nun espectáculo de música e baile tradicional co mesmo nome.
O sábado 6 de xuño desenvolveranse showcookings e catas de viño co cociñeiro André Arzúa e a sumiller Núria Quintela, ademais de pasarrúas, sesión vermú, roteiros comentados, mercado de artesanía, animación para nenos e nenas e o festival de música tradicional protagonizado por FaiScas da Pontraga, Xurxo Fernandes e Tiruleque, todos eles con entrada gratuíta.
José Mato, vogal da agrupación, destacou durante a entrevista que o obxectivo é que “veña moita xente, que o pase moi ben” e lembrou tamén que haberá actividades específicas para os máis pequenos durante a xornada do sábado.
A programación incluirá tamén unha acción artística colaborativa impulsada por Bela Furtiva baixo o nome “Voadoras”, así como diferentes iniciativas destinadas a fomentar a participación veciñal e a colaboración con outras asociacións sociais e culturais.
Xa o domingo, o barrio do Sar acollerá pasarrúas, cabezudos e unha sesión vermú antes do concerto de Carlos Núñez, único espectáculo de pago da programación. As entradas poden adquirirse a través da plataforma Ataquilla.
Durante a entrevista, os representantes da agrupación destacaron tamén o importante traballo organizativo que hai detrás do festival. Actualmente, a entidade conta con máis de 150 alumnos nas súas escolas e arredor de 80 persoas participando nas diferentes seccións da agrupación, ademais dun amplo grupo de colaboradores que traballan durante todo o ano na preparación desta cita cultural.
A quinta edición de Folk na Beira do Sar volverá apostar así pola música tradicional galega, pola convivencia e pola participación veciñal, consolidándose como unha das citas culturais máis destacadas máis destacadas da primavera en Santiago.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)