Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Ames, 28 de abril de 2026 – O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, presentou esta mañá a terceira edición do ciclo de monólogos, que se celebrarán entre o 21 e o 24 de maio nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. Monologuistas como Leti da Taberna, Josito Porto ou Celso Fernández Sanmartín participarán nunhas xornadas nas que haberá interpretación en lingua de signos. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Esta mañá presentouse, na Casa da Cultura de Bertamiráns, unha nova edición do ciclo de monólogos que o Concello de Ames organiza a través do Departamento de Cultura. Logo da boa acollida das dúas edicións anteriores, a iniciativa regresa para mesturar figuras consolidados no noso país xunto con artistas emerxentes.
No acto de presentación estiveron presentes o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; o director técnico do evento, Quico Cadaval; e tres dos artistas principais do ciclo, Josito Porto, Leti da Taberna e Luis Rey, que se encargaron de achegar a súa óptica sobre as xornadas.
O propio alcalde, Blas García, mostrou a súa ilusión con este proxecto, o cal xa vai pola terceira edición: “este é o terceiro ano do ciclo dos monólogos, pero a nosa intención é que continúe e se consolide”. Unha iniciativa para a que se desenvolveran “tres obxectivos iniciais: dar visibilidade a monologuistas emerxentes, contar con xente de Ames e incluír mulleres no cartel”. En termos de inclusión, García sinalou que “este ano imos manter o pasiño que demos o ano pasado incluíndo a interpretación en lingua de signos no espectáculo do domingo”. O alcalde recordou que “ademais de vir pasalo ben e botar unhas risas tamén é importante facer unha labor de inclusión e que todo o mundo se sinta cómodo nestes espazos”.
Durante a presentación, os protagonistas do ciclo tamén se mostraron moi contentos de poder participar nesta edición. Quico Cadaval, director técnico do evento, describiu a iniciativa como “unha grande familia de laretas” cuxos integrantes “contamos cousa que pasaron de verdade: a realidade é a materia da que nos alimentamos os que facemos da palabra un espectáculo”. Un espectáculo no que “só é necesario o enxeño e o micrófono, non os xenitais”, reivindicou Leti da Taberna.

III Ciclo de Monólogos
Durante estas xornadas, participarán un total de oito monologuistas repartidos en catro días: os espectáculos serán sempre dobres. A sesión inicial correrá a cargo de Josito Porto e Luis Rey o vindeiro xoves 21 de maio, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O vilagarcián Josito Porto, cunha ampla experiencia no mundo da interpretación, con papeis memorables en “Pratos combinados” ou “Matria”, será o protagonista dunha sesión que abrirá co stand-up de Luis Rey.
Ao día seguinte, o venres 22, chegarán Marita Martínez e Carla Mañas. Desta vez, o dúo cómico actuará na Casa da Cultura do Milladoiro, tamén ás 21.00 horas. A primeira é coñecida pola súa dilatada experiencia tanto no teatro como na televisión, sendo recoñecida por “Os Atlánticos” ou “Pulp Air”, e representará en Ames, as memorias da súa avoa. Pola súa banda, Carla Mañas é unha humorista ascendente que xa conta con certa experiencia dentro e fóra de Galicia, onde triunfou co seu espectáculo “Súper Freak”.
O sábado 23 de maio será a quenda de Leti da Taberna e Irene Medín, nunha sesión que transcorrerá na Casa da Cultura de Bertamiráns, dende as 21.00 horas. Leti, que levou a taberna a TikTok, presenta o seu monólogo “Enredada”, onde explora os métodos para usar as redes sen converterse en peixe para carnada. Abriralle a cortina Irene Medín, unha humorista que recordará o importante que é o humor para a supervivencia.
Pecharán esta edición do ciclo Celso Fernández Sanmartín e Fernando Palitos o domingo 24, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Estes dous cómicos conforman unha dupla perfectamente complementada: Celso é o contador de historias galego máis difícil de imitar, mais esas historias rouboullas a Fernando Palitos “Pali”. Ambos xuntan as catro cousas que unha persoa necesita para contar historias: altura de miras, calor, ver mundo e saber o camiño de volta. Esta última sesión contará cunha persoa intérprete de lingua de signos.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)