Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 mayo, 2026
A música entrou na vida de Montse Angueira cando apenas era unha nena. Natural de Ames e residente en Negreira, a actual concursante de “Recantos”, no programa “Luar” da TVG, leva décadas perseguindo un soño que hoxe vive desde dentro do emblemático espazo televisivo galego. A súa historia está marcada pola constancia, a timidez vencida a base de esforzo e unha paixón pola música que nunca abandonou.
“Na casa sempre se viu ‘Luar’. Meus pais eran de ‘Luar’ e eu crieime con ese programa”, lembra emocionada. Aínda que leva anos ligada ao canto, asegura que tardou moito en atreverse a dar o paso definitivo para presentarse ao concurso. “Levaba tres anos intentando entrar. Sempre quería ir, pero non me atrevía”, confesou.
Montse explica que o proceso non é sinxelo. Hai castings, vídeos e preparación previa, ademais dunha esixencia engadida: cantar en galego e adaptarse ás cancións que propón a organización. “Non escollemos os temas. Iso fai o concurso máis complicado, porque hai que interpretar e defender o que che toca”, sinala.
Actualmente, a artista atópase nun dos momentos máis importantes da súa participación. Tras quedar eliminada inicialmente nun desempate no que sufriu un bloqueo mental, regresou grazas á repesca do programa e ao apoio dos seus compañeiros. “Quedei en branco. Foi unha pena enorme, pero as normas son iguais para todos”, relata. Con todo, nunca perdeu a esperanza: “Tiña a corazonada de que me podían dar outra oportunidade”.
Esa oportunidade chegou. Agora forma parte dos oito concursantes que continúan na competición e afronta unha nova gala decisiva. “Estou con máis ganas, máis forza e máis ilusión ca nunca”, afirma.
A presión do directo e o medo escénico seguen sendo os seus grandes inimigos. A pesar da experiencia acumulada durante anos en concursos, televisións e actuacións, recoñece que continúa loitando contra a inseguridade. “Teño medo a fallarlle á miña xente, á que sempre me apoiou”, asegura. Un sentimento que lle impide, ás veces, gozar plenamente do escenario.
A súa formación vocal profesional chegou relativamente tarde. Leva aproximadamente un ano perfeccionando a técnica da man da súa profesora de canto, Ruth Kundins. “Grazas a ela estou descubrindo facetas miñas que antes non era capaz de sacar”, destaca.
A historia musical de Montse comezou nos coñecidos concursos de karaoke composteláns de comezos dos anos 2000, especialmente no Manhattan e no Macumba, onde coincidiu con artistas que posteriormente triunfaron no panorama galego. “Eu era unha nena moi tímida e vía aquelas voces impresionantes. Preguntábame que facía eu alí”, recorda entre risas.
Daquela etapa gardou aprendizaxe, amizades e moita experiencia. “Eu non tiña formación vocal nin táboas, pero ía para aprender e seguir medrando”, explica.
Outro dos momentos máis especiais da súa vida chegou coa súa gran ídola: Mónica Naranjo. Durante un encontro exclusivo organizado pola artista tras a pandemia, Montse foi unha das seis persoas seleccionadas entre centos de seguidores para cantar con ela no escenario. A experiencia segue emocionándoa cada vez que a recorda.
“Cando vin o meu vídeo na pantalla non o podía crer. Empecei a chorar e quedei en shock”, conta. Sobre o escenario interpretou “Miedo” e recibiu consellos directos da cantante. “Díxome que traballase o vibrato e que cantase máis en cabeza que en garganta. Pensaba que eu era profesional”, relata orgullosa.
Aquela actuación acabou formando parte dun DVD oficial da artista catalana, algo que Montse define como “un dos maiores regalos da súa vida”.
A pesar das oportunidades que foi recibindo ao longo do tempo, nunca quixo dar o salto definitivo ao mundo das orquestras. “Veño de familia de verbena e sei o duro e sacrificado que é”, explica. Aínda así, admite que recibiu propostas, especialmente desde a súa aparición en programas da TVG.
Na actualidade, compaxina a música coa súa vida familiar e laboral. Traballa nunha clínica dental en Santiago de Compostela e agradece especialmente o apoio recibido polos seus responsables para poder participar en “Recantos”. “Adaptáronme os horarios para poder ir aos venres de ‘Luar’. Iso para min é moi gratificante”, asegura.
Montse tamén participou noutros formatos televisivos como “Factor X” e incluso foi seleccionada para un casting dun futuro musical en galego. “Os musicais son o que máis me gusta. Se algún día me ofrecen vivir diso, probablemente deixaría todo”, recoñece.
Con humildade, emoción e unha paixón intacta, Montse Angueira continúa avanzando nun camiño que leva anos construíndo. Agora, coa mirada posta nas semifinais de “Recantos”, só pide unha cousa: “Necesito o máximo apoio posible para seguir cumprindo este soño”.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)