Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• O Concello reuniu no Hotel Scala a centos de veciños e veciñas nunha xornada marcada pola confraternidade, a música e os agasallos
• O baile de Manuel Cascallar e Josefina Otero, de 95 e 90 anos, foi un dos momentos máis entrañables do encontro
• O alcalde, Anxo Arca, puxo en valor o papel das persoas maiores: “Co voso traballo e esforzo, axudastes a facer de Padrón un gran pobo, formando ademais novas xeracións que seguen traballando polo seu futuro”, destacou
Padrón.7-5-2026.- O tradicional xantar de confraternidade da terceira idade organizado polo Concello de Padrón no marco da festividade do San Xoán do Raio reuniu onte, mércores 6 de maio, a máis de 400 persoas no Hotel Scala, nunha edición multitudinaria que volveu converterse nun dos actos centrais e máis emotivos das celebracións patronais.

Durante o encontro, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, puxo en valor o papel das persoas maiores na construción da sociedade padronesa e agradeceu a súa implicación na vida social e comunitaria do municipio. “Co voso esforzo e traballo, axudastes a facer de Padrón un gran pobo, formando ademais novas xeracións que seguen traballando polo seu futuro”, sinalou o rexedor durante a súa intervención. Anxo Arca destacou tamén o exemplo das aulas de Ategal en Padrón, “as máis numerosas de Galicia”, como mostra do dinamismo e da participación activa da terceira idade da vila.
A xornada desenvolveuse nun ambiente festivo e de convivencia, co tradicional sorteo de agasallos no que Cristina Freire, José Gómez e Lidia Duro encargáronse de sacar os números das persoas afortunadas con catro caixas de viño, dúas ceas para dúas persoas e dúas entradas dobres para o balneario de Cuntis. Anxo Arca e a concelleira Mariló Saco entregaron os premios.
O grupo padronés UyF’75 foi o encargado de animar a sobremesa coa súa música, sacando a bailar a moitas das persoas asistentes ao xantar,
entre elas a Manuel Cascallar e a Josefina Otero, de 95 e 90 anos, respectivamente. O seu baile foi un dos momentos máis entrañables da celebración.
Ao encontro tamén asistiron este ano o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Delgado; o subdegado na Coruña, Julio Abalde; o portavoz socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e o deputado autonómico Aitor Bouza Manso, así como membros do goberno local, da Corporación de Padrón e representantes dos concellos de Rois e Dodro.
Unha peregrina madrileña portou o santo na procesión

O multitudinario xantar da terceira idade foi un dos actos principais da programación do San Xoán do Raio, patrón de Padrón. A celebración completouse cos actos relixiosos tradicionais, presididos polo alcalde, entre eles a procesión do santo dende a casa consistorial ata a igrexa parroquial, acompañada polos gaiteiros da Asociación Folclórica Cultural O Pedrón e coa participación dunha peregrina madrileña como portadora da imaxe.
A misa solemne foi cantada pola Coral Val do Sar, nunha xornada que volveu demostrar o forte arraigamento desta festividade e o compromiso do Concello coa promoción das tradicións e coa posta en valor das persoas maiores de Padrón.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)