Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 mayo, 2026
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, fixo balance da situación actual do municipio nunha entrevista marcada por cuestións como a polémica arredor da taxa da auga, os proxectos de humanización no Pedrouzo, os servizos sociais, a conciliación familiar e o futuro político dun dos rexedores máis veteranos da provincia.
Taboada confirmou que o Concello decidiu rectificar a aplicación da nova taxa da depuración de augas despois de comprobar que os recibos estaban chegando moi por enriba do previsto. “Pensábamos que unha vivenda pasaría de pagar 38 ou 39 euros a arredor de 70, pero atopámonos con recibos de 115 euros. É unha barbaridade”, recoñeceu.
O rexedor explicou que a nova EDAR, en funcionamento desde agosto do pasado ano, obriga a asumir novos custos, aínda que admitiu que os cálculos realizados inicialmente “non eran reais”. Por ese motivo, o goberno local decidiu deixar en suspenso parte da subida e compensar aos usuarios nos seguintes trimestres. “Comprobamos que a xente tiña razón. O que non podemos facer é asfixiar aos veciños con impostos”, asegurou.
Nesa mesma liña, Taboada insistiu na necesidade de buscar equilibrio entre manter os servizos municipais e non incrementar a presión fiscal. “Os servizos hai que pagalos, pero tamén sabemos que a moita xente cústalle chegar a fin de mes”, afirmou. O alcalde mesmo reivindicou que, en ocasións, “é mellor deixar sen facer algún tramo dunha estrada ou reducir gastos noutras áreas antes que cargar máis impostos á veciñanza”.
Outro dos asuntos destacados da entrevista foi o avance das obras de humanización na rúa dos Muíños, no núcleo do Pedrouzo. Segundo detallou, os traballos atópanse xa ao 50% de execución e permitirán mellorar servizos básicos, soterrar instalacións aéreas e crear novos espazos peonís e de estacionamento. “Hai zonas que antes parecían quedar fóra do núcleo e hoxe están totalmente integradas. Hai que ir humanizándoas pouco a pouco”, explicou.
No balance da actual lexislatura, Taboada asegurou sentirse satisfeito co grao de cumprimento do programa electoral de 2023. “Os programas teñen que ser reais e executarse. Os papeis aguantan todo, pero a xente logo ve quen cumpre e quen non”, manifestou. O alcalde recoñeceu que algunhas cuestións urbanísticas están sendo máis complexas do previsto, especialmente aquelas relacionadas coa reorganización dos núcleos rurais e os plans xerais.
O mandatario popular tamén defendeu un modelo de crecemento “ordenado e con sentido”. “Crecer está ben, pero hai que facelo con cabeza. De nada vale medrar se logo non podemos prestar servizos ou manter as infraestruturas”, indicou, advertindo ademais dos problemas derivados de proxectos urbanísticos “descontrolados”.
En materia social, destacou os convenios asinados coa Fundación ONCE para fomentar a inserción laboral de persoas con discapacidade e tamén os programas de formación en primeiros auxilios impulsados en colaboración co SERGAS e a USC. “Actuar nos primeiros minutos pode salvar vidas”, lembrou.
A entrevista tamén deixou un momento emotivo coa homenaxe ao sacerdote Javier Posse, histórico párroco de varias freguesías do municipio, recentemente retirado aos 90 anos tras máis de catro décadas de servizo. “Foi moito máis ca un cura; foi un veciño máis, unha persoa moi próxima e querida”, afirmou Taboada.
Con 30 anos á fronte do Concello do Pino, Manuel Taboada continúa sendo unha das figuras máis recoñecibles do municipalismo galego. Preguntado polo futuro e pola posibilidade de repetir candidatura en 2027, non deixou lugar ás dúbidas: “Se os veciños seguen apoiándonos, seguiremos loitando polo benestar da veciñanza”.
O rexedor reivindicou ademais o valor da política local fronte a outros ámbitos institucionais. “O posto máis bonito da política é ser alcalde do teu pobo. É onde realmente se aprende e onde ves as necesidades da xente de primeira man”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)