Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today20 mayo, 2026
A xornalista, presentadora e escritora compostelá María Solar regresou á actualidade literaria coa publicación de As malas ideas, unha novela que nos primeiros días de vida xa comeza a funcionar “moi boca a boca”, segundo recoñeceu nunha ampla entrevista na que afondou nas claves dunha historia que mestura drama, comedia, memoria familiar e crítica social.
A autora explicou que a novela nace arredor de dúas grandes preocupacións: o éxito profesional levado ao límite e a situación das persoas maiores nunha sociedade que vive “con demasiada presa”. “O libro fala da xente que dá toda a vida polo traballo”, explicou Solar, que constrúe como protagonista a Elías, un director de produción de series de éxito que abandonou Ferrol para triunfar en Madrid e que vive absorbido por unha industria tan glamourosa cara a fóra como dura por dentro.
Mais fronte ao éxito de Elías aparecen tamén unha serie de personaxes maiores, “moi fartos” e “moi cabreados”, que senten que xa non ocupan ningún espazo nin na familia nin na sociedade. “Cada vez vivimos máis afastados dos maiores e do que saben”, reflexionou a escritora, que considera que a sociedade actual está deixando atrás unha cultura de escoita e acompañamento.
A autora falou ademais desde a experiencia persoal do coidado familiar. A súa nai, de 97 anos, converteuse nunha referencia emocional para entender o proceso de dependencia e renuncia que viven moitas persoas maiores. “Chega un momento no que ti te convertes un pouco na nai da túa nai”, confesou. Solar relatou a dureza da decisión de ingresar á súa nai nunha residencia e puxo o foco nas culpas, medos e contradicións que viven moitas familias. “Os maiores crean unha serie de coidados que tes que dar, unhas culpas… e penso que non estamos dando o acompañamento necesario nese proceso de renunciar a ser quen eras”, afirmou.
Nun dos personaxes máis potentes da novela, Merceditas, Solar retrata precisamente esa xeración de maiores rebeldes que se resisten a desaparecer socialmente. “Merceditas é unha muller moi lonxeva e moi rebelde”, explicou. “Ela di que pena que a rebeldía sexa masculina e a lonxevidade feminina, porque os homes da súa cuadrilla van morrendo”.
A novela tamén funciona como unha mirada desde dentro ao mundo audiovisual, un ámbito que a autora coñece ben tanto pola súa traxectoria profesional na CRTVG como pola experiencia da súa parella, vinculada á produción de series. “Son equipos con traballos durísimos. Sempre nómades. Aféctalles á familia, ás relacións persoais, aos fillos”, relatou. A escritora aproveita a ficción para revelar detalles descoñecidos das rodaxes e desmontar a aparencia de glamour permanente que rodea ás series de televisión.
Ferrol convértese ademais nun escenario fundamental da historia. María Solar reivindicou a cidade como espazo literario e emocional: “Parece que as cousas teñen que pasar nun lugar grande para seren internacionais, e non é así”. A autora lembrou mesmo a fascinación do actor Javier Cámara pola cidade naval e insistiu en que “a vida e os sentimentos pasan en Ferrol e son absolutamente cribles”.
Durante a conversa tamén houbo espazo para falar da súa faceta como escritora de literatura infantil e xuvenil, un ámbito no que leva publicados máis dunha quincena de títulos. Solar mostrouse especialmente crítica coa idea de considerar a literatura para adultos como “un salto”. “Non é mellor nin peor. É diferente”, defendeu. “Eu quedaría igual de realizada escribindo só infantil e xuvenil”.
A autora reivindicou ademais o valor da cultura galega e o momento creativo que vive Galicia. “Perdemos o medo ao mundo”, afirmou. “Hai moitísima xente facendo cousas impresionantes”. Desde a música ata as series, pasando pola literatura ou os proxectos audiovisuais, Solar considera que Galicia vive “un momento cultural moi importante”.
Tamén deixou unha reflexión crítica sobre as redes sociais e o impacto nas novas xeracións. Nai de dous fillos, a escritora admitiu a súa preocupación pola exposición permanente dos máis novos: “Un rapaz de dezaseis anos non ten aínda as ferramentas nin a experiencia que temos nós”. Para Solar, as redes poden converterse nun espazo perigoso onde aparecen fenómenos como o acoso, a presión social ou a sobreexposición. “Habería que regulalo dalgún xeito”, advertiu.
María Solar confirmou ademais que xa traballa en novos proxectos literarios. “Estou con outro empezado e con dous entregados”, avanzou entre risas. A escritora recoñeceu tamén que segue sentindo “bolboretas no estómago” cada vez que publica unha nova obra.
Antes de despedirse, deixou unha das reflexións máis persoais da entrevista, comparando a escrita coa radio: “Os libros son moi parecidos á radio porque cada lector constrúe a historia desde a súa propia vida. É algo íntimo”.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)