AD

Deportes

O Club Baloncesto Ames logra o histórico ascenso á 2ª división autonómica

today9 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • O conxunto amesán selou o billete á nova categoría cunha vitoria incontestable (79-55) ante o Blanco Amor nun Pavillón do Milladoiro ateigado
  • A xesta puxo o ramo á traxectoria do capitán Alberto Sampedro, que colga as zapatillas tras esta tempada de éxito
  • A directiva xa traballa no proxecto 2026/2027 para consolidar ao equipo na 2ª División, facendo un chamamento ao tecido empresarial local

Ames, 9 de xuño de 2026. – O deporte amesán está de parabéns. O Club Baloncesto Ames acaba de escribir a páxina máis brillante da súa historia ao conseguir o ansiado ascenso á 2ª División Autonómica. Este fito deportivo coincide, ademais, cunha data moi sinalada para a entidade: a celebración dos seus 20 anos de historia, dúas décadas de traballo na promoción do baloncesto no concello que agora ven a súa recompensa no máis alto nivel autonómico.

O camiño cara a gloria consumouse tras unha esixente liguiña de ascenso na que os pupilos dirixidos polo tándem Daniel Fentes / Roberto Lopo, demostraron unha madurez e un talento excepcionais, asinando unha traxectoria case impoluta.

Unha fase de ascenso de auténtico infarto

A andaina nesta fase definitiva comezou con moita forza, cunha contundente vitoria a domicilio fronte ao subcampión santiagués, o A.D.B. Fontiñas (43-75). Con todo, a competición gardaba un baño de realidade na segunda xornada en Ourense. O C.B. Ames sufría a súa segunda derrota de toda a tempada ante o Nacex EDO Blanco Amor (75-67). Lonxe de virse abaixo, o equipo tirou de épica e cabeza fría no último cuarto para minimizar a desvantaxe, un movemento táctico que acabaría sendo vital.

Ao regreso á casa, alentados pola incondicional «marea amiense», o equipo asinou dúas vitorias consecutivas como local ante o C.B. Peixefresco de Marín (86-60) e de novo ante o Fontiñas (84-72). O destino quixo que o ascenso se decidise no quinto partido, no Pavillón Municipal do Milladoiro, nun duelo a vida ou morte ante o Blanco Amor.

Cun ambiente de gala, as bancadas ateigadas, música e colorido, os locais superaron a presión e dominaron o encontro de principio a fin cunha exhibición de xogo coral (79-55). A bucina final desatou a tolemia e unha festa rachada entre xogadores e seareiros, certificando matematicamente o ascenso. O derradeiro partido en Marín (76-87) serviu unicamente como broche de ouro para un equipo que xa tiña a cabeza nas nubes da 2ª División.

A despedida dun mito e o futuro do club

O ascenso ten un nome propio a nivel emocional: o do capitán Alberto Sampedro, que decidiu colgar as zapatillas no cumio da súa carreira, deixándolle ao seu club de toda a vida o mellor agasallo posible.

O presidente da entidade, Jota Cabo, quixo poñer en valor o tremendo esforzo colectivo: «Este ascenso é o premio a 20 anos de picar pedra. A derrota en Ourense ensinounos que ninguén nos ía regalar nada, pero a resposta do equipo e de toda a nosa masa social o día do ascenso foi inesquecible. Queremos dedicarlle este triunfo a toda a xente que estivo aí dende o primeiro día, e moi especialmente ao noso capitán, Alberto, que é historia viva deste club e que, agardo, continúe vinculado a este proxecto achegando a súa sabedoría e coñecementos para asentarnos na nova categoría e seguir medrando».

Sen tempo para relaxarse, a directiva do C.B. Ames xa puxo en marcha a maquinaria para a histórica campaña 2026/2027 na 2ª División Autonómica. Un fito que suporá un salto exponencial na visibilidade do club por toda Galicia e para o cal a entidade fará un chamamento ao tecido empresarial do concello de Ames, lanzando unha nova campaña de patrocinadores que permita asentar este ilusionante proxecto na nova categoría.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *