AD

Comarca

O Pino suspende a ordenanza de saneamento por erros no cálculo de custos

today2 mayo, 2026

Fondo
share close
AD
  • A medida terá efecto retroactivo dende o 1 de xaneiro polo que o exceso cobrado no primeiro recibo deste ano compensaráselles aos aboados nos recibos dos vindeiros trimestres
  • Manuel Taboada: “Estimáronse os gastos da depuradora cando esta levaba funcionando só un mes, e están moi por riba do custo real, por iso deixamos a ordenanza en suspenso”
  • Elaborarase unha nova ordenanza que so afectará ao abastecemento de auga potable
  • O Concello asumirá un ano os gastos da EDAR, durante o que se fará o cálculo real dos custos para facer a ordenanza definitiva

O Concello do Pino deixa sen efecto a ordenanza que regula as tarifas de abastecemento de auga, rede de sumidoiros e saneamento ao comprobar que o estudo económico financeiro para calcular os gastos da nova depuradora de Arca non se axusta a realidade e están moi por riba dos reais. O alcalde, Manuel Taboada, anuncia que a medida terá efecto retroactivo a 1 de xaneiro deste ano, e adianta que “as cantidades que se lle cobraron de máis aos aboados no recibo do primeiro trimestre vánselle compensar nos seguintes trimestres”.

“Faremos unha nova ordenanza para fixar os prezos do abastecemento de auga, que serán similares aos actuais e beneficiosos para os pequenos consumos domésticos”, asegura Manuel Taboada.

Respecto da taxa de depuración (saneamento e sumidoiros), o alcalde anuncia que “o Concello vai asumir durante un ano os gastos de funcionamento da nova depuradora de Arca para coñecer os custos reais do seu mantemento durante os doce meses. Con estes datos reais aprobaremos unha nova ordenanza o vindeiro ano”, afirma.

Esta semana decidiuse deixar en suspenso a actual ordenanza despois de varias reunións coa empresa de enxeñaría que fixo o estudo económico financeiro da EDAR; tras analizar e comparar moitos dos recibos remitidos á veciñanza no mes de abril, e despois de comprobar que os gastos que ten a depuradora son menores aos estimados en 2025.

O estudo económico financeiro fíxose no verán pasado, cando a depuradora levaba só un par de meses funcionando, “de aí que se estimasen uns gastos de funcionamento que agora vemos son moi superiores aos que realmente custa a EDAR de Arca, como comprobamos nas reunións que mantivemos esta semana”, di Taboada. Este é un dos motivos principais polos que o goberno local deixa sen efecto a actual ordenanza.

Tamén se detectaron erros nos recibos que a empresa que xestiona o servizo lle remitiu algúns aboados. Por exemplo, “á veciñanza de Santiso (Castrofeito) e á de Castelo e de San Sadurniño (Cebreiro), cobróuselles a taxa de saneamento, cando as súas casas non están conectadas a depuradora de Arca e, polo tanto, non correspondía aplicarlla”, sinala Taboada.

Nova ordenanza so para abastecemento

Agora, o Concello vai aprobar “o antes posible” unha nova ordenanza para establecer o prezo do abastecemento de auga. “Será moi similar a que acabamos de anular, queremos que non sexa superior a actual e que beneficie a pequenos consumidores de uso doméstico”, asegura Manuel Taboada.

Esta nova ordenanza establecerá só os prezos do abastecemento de auga potable. A taxa de saneamento fixarase o vindeiro ano, despois de analizar durante 12 meses os custos reais da depuradora de Arca.

Compensación de recibos

Como xa se cobrou o recibo do primeiro trimestre, o Concello compensará nos vindeiros trimestres a parte que cada aboado pagou de máis. É probable que “nos próximos recibos haxa familias que non paguen nada polo abastecemento de auga, ata que se compensen totalmente o que pagaron a maiores no recibo que se pasou a cobro en abril”, aclara Taboada.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *