Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 septiembre, 2026
O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denuncia a “irresponsabilidade” do Goberno de BNG e CA en materia de seguridade, despois de comprobar que este verán houbo días nos que Santiago contou con só seis efectivos da Policía Local, exactamente a metade dos doce que o propio Concello establece como mínimo para as fins de semana.
Para o PP, este feito deixa ao descuberto unha realidade que o Goberno municipal leva demasiado tempo intentando negar: Santiago ten un problema de seguridade e, lonxe de afrontalo, o executivo local está contribuíndo a agravalo ao non garantir nin sequera os recursos policiais mínimos que dependen directamente del.
“Levamos anos advertindo do incremento da criminalidade e reclamando medidas. A resposta sempre foi negar a realidade, minimizar os problemas e repetir que a seguridade non é competencia municipal. Agora xa non teñen escusa: garantir os efectivos da Policía Local si é responsabilidade directa do Concello e nin sequera son capaces de cumprir os mínimos que eles mesmos estableceron”, sinala De la Fuente.
O PP considera “especialmente escandaloso” que a presenza de só seis policías non responda a unha situación excepcional ou imprevisible, senón á negativa do Goberno local a habilitar e pagar as horas extraordinarias necesarias para garantir os doce efectivos mínimos previstos.
“Se o propio Concello determina que son necesarios doce policías e o Goberno permite que haxa seis por non querer asumir o custo necesario para completar o servizo, estamos ante unha decisión política consciente que deixa Santiago cun dispositivo policial claramente insuficiente”, denuncia o concelleiro popular.
A falta de efectivos chegou incluso ao punto de que houbo días nos que o servizo se prestou sen a presenza preceptiva de oficiais, deixando quendas sen o mando policial correspondente para coordinar e supervisar o dispositivo.
“Xa non estamos falando unicamente de que falten axentes. Estamos falando de que houbo servizos sen a presenza dos mandos establecidos, unha situación impropia dunha cidade como Santiago e que evidencia ata que punto o Goberno municipal está deixando deteriorar a Policía Local”, advirte De la Fuente.
Para o concelleiro popular, “un Goberno responsable non pode permitir que a falta de persoal chegue ata o extremo de comprometer a propia estrutura de mando do servizo. Non se pode garantir unha resposta policial adecuada se non hai efectivos suficientes e, ademais, hai quendas nas que nin sequera está garantida a presenza preceptiva dun oficial”.
Os populares lembran que levan tempo reclamando un reforzo dos efectivos da Policía Local, a instalación de cámaras de videovixilancia en puntos sensibles, a mellora da iluminación e un Plan Municipal de Seguridade e Convivencia, entre outras medidas preventivas. Fronte a estas propostas, aseguran, o Goberno municipal optou sistematicamente por non facer nada e por trasladar responsabilidades a outras administracións.
O PP advirte ademais de que deixar unha cidade como Santiago con seis policías locais durante as fins de semana supón someter os propios axentes a unha presión inaceptable, obrigándoos a atender as necesidades e incidencias dunha cidade de máis de 100.000 habitantes, á que se suman milleiros de visitantes, cun dispositivo reducido á metade do mínimo previsto.
“Se coinciden varias incidencias graves, que resposta pode ofrecer unha dotación de só seis axentes para toda a cidade? O Goberno non pode seguir xogando coa seguridade dos veciños nin coa dos propios policías para aforrar en horas extraordinarias”, sinala De la Fuente.
Ante o incremento sostido da criminalidade que está padecendo Santiago desde 2023, un Goberno responsable reforzaría a prevención e os medios policiais. “Este fai exactamente o contrario: nega o problema, négase a adoptar medidas e reduce na práctica os recursos dispoñibles para afrontalo. E despois pretende convencer aos composteláns de que aquí non pasa nada”.
O PP esixe explicacións inmediatas sobre os motivos polos que houbo días este verán nos que se prestou servizo con só seis policías cando o mínimo establecido é de doce, así como que se aclare quen tomou a decisión de non habilitar as horas extraordinarias necesarias para completar o dispositivo e por que se permitiu que houbese servizos sen a presenza preceptiva de oficiais.
Así mesmo, reclama que o Goberno local garanta desde este mesmo momento os efectivos mínimos establecidos, a presenza dos mandos correspondentes en todas as quendas e adopte as medidas necesarias para cubrir as carencias estruturais do cadro de persoal.
“A seguridade non se garante con discursos nin negando a realidade. Garántese con policías, medios, prevención e vontade de actuar. E este Goberno está demostrando que non ten esa vontade”, conclúe De la Fuente.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)