Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 junio, 2026
O concelleiro do Partido Popular de Santiago Borja Rubio denunciou hoxe “unha nova mostra da incapacidade de xestión do BNG” tras os dous días de folga no servizo de limpeza e conserxería dos colexios públicos de infantil e primaria da cidade, unha situación que deixou os centros sen limpeza, cos pavillóns pechados pola tarde e coas actividades extraescolares e os adestramentos suspendidos.
Rubio asegurou que “a pregunta que se debe facer a cidadanía non é por que protesta o persoal do servizo, senón por que este Goberno de BNG e CA é incapaz de xestionar un contrato sen que estale un conflito tras outro”.
O edil popular advertiu de que o ocorrido esta semana “non é un accidente”, senón “o resultado previsible dun contrato mal feito e dun goberno que, despois de asinalo, desaparece”. “De aqueles barros, estes lodos”, resumiu.
Neste sentido, criticou que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, “presuma de ter duplicado o investimento deste servizo” cando, ao seu xuízo, “gastar máis non é xestionar mellor”. “Pódese gastar o dobre e facelo mal. E é exactamente o que pasou”, afirmou.
Rubio sostivo que o Goberno local contou “con máis orzamento que nunca e con todas as ferramentas legais para deixar este contrato ben atado”, pero acabou sacando a licitación “con moito retraso”, escudándose en que a elaboración dos pregos “era moi concienzuda”, para finalmente entregar “un contrato mal pechado, condenado a dar problemas”.
Ademais, acusou ao Executivo municipal de ter adxudicado o servizo “mirando só o prezo” e esquecéndose de que detrás había “un servizo público esencial que afecta aos colexios da cidade e ao benestar dos nenos e nenas”. “Iso non é mala sorte; é a forma de traballar deste Goberno”, sinalou.
O concelleiro popular tamén cargou contra a actitude da alcaldesa unha vez iniciado o conflito laboral. “Escúdase en que non é a empregadora. Certo que non o é. Pero é a titular do servizo e quen paga o contrato co diñeiro de todos os composteláns”, indicou, para engadir que “ten toda a lexitimidade e toda a responsabilidade para sentar as partes e buscar unha saída”.
“Unha cousa é non poder impoñer as condicións laborais agora e outra moi distinta é cruzarse de brazos. O primeiro é un límite legal; o segundo é unha decisión política”, afirmou Rubio, quen acusou ao Goberno local de “mirar para outro lado” cando os conflitos afectan ás contratas municipais.
O edil popular advertiu ademais de que este caso “non é illado”, senón que responde a “un patrón repetido durante todo o mandato”. Así, lembrou os conflitos vividos nos centros socioculturais e tamén no servizo de limpeza e conserxería das instalacións deportivas.
“Servizos distintos, áreas distintas, o mesmo mandato e sempre o mesmo patrón: contratos mal deseñados e un goberno que despois desaparece”, afirmou. “Cando un erro se repite varias veces xa non é un erro: é un método de goberno”, engadiu.
Rubio preguntouse tamén “quen paga todo isto”, asegurando que “mentres o BNG improvisa, quen paga as consecuencias é todo o mundo menos el”. Segundo explicou, as consecuencias recaen “nos colexios, con dous días de aulas sen limpar e cun risco hixiénico que ningún responsable público debería normalizar”; “nas familias, cos pavillóns pechados e a vida reorganizada dun día para outro”; e tamén “nas persoas traballadoras do servizo, primeiras vítimas dun contrato mal feito e dun goberno que non dá a cara”.
“A factura da mala xestión non se paga nos despachos de Raxoi: pásanlla á cidade enteira”, advertiu.
Por último, o concelleiro do PP resumiu a situación en “máis diñeiro que nunca, un contrato mal feito, unha adxudicación ao límite e un goberno que se esconde cando hai que dar a cara”, e esixiu ao Executivo municipal que “deixe de esconderse” e convoque “de inmediato” unha mesa coas partes “como titular do servizo” para evitar futuras folgas ou mobilizacións.
“Santiago non se pode permitir un goberno que gasta máis e xestiona peor. A cidade merece quen saiba pechar un contrato e dar a cara cando toca”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
colexios limpeza partido popular (PP) Santiago de Compostela



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)