Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 junio, 2026
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a parálise absoluta do Goberno de Goretti Sanmartín na definición do futuro dos aparcadoiros municipais de Praza de Galicia e Praza de Vigo, unha situación que considera un novo exemplo da falta de planificación e capacidade de xestión do executivo local.
Marta Abal denunciou que “coa concesión do parking de Praza de Galicia finalizada dende hai hai case un ano e a da praza de Vigo que o fará en outubro”, as os socialistas seguen a esperar pola “convocatoria da comisión” na que se deben analizar as distintas alternativas de xestión para o futuro destas infraestruturas estratéxicas para a cidade.
A edil socialista lembrou ademais que, “no pleno do pasado mes de abril e en resposta a unha iniciativa do Grupo Municipal Socialista, o concelleiro responsable comprometeuse a facilitar a documentación aos grupos municipais e a convocar a comisión durante a primeira semana de maio”, porén, advertiu de que “hoxe, un mes despois da data anunciada, non se produciu ningún avance nin se ofreceu explicación algunha sobre este novo atraso”, unha situación que, ao seu xuízo, evidencia a falta de vontade do Goberno local para abordar este debate con transparencia.
Para Abal, o máis preocupante é que a cidade continúa sen dar sequera o primeiro paso nun proceso que inevitablemente levará tempo e que require análise, diálogo e planificación. A concelleira advertiu de que “seguimos perdendo tempo nun asunto clave para a cidade” cando aínda se está “falando de dar o primeiro paso que inicie o camiño ata a adopción da decisión final”.
A socialista considera que esta falta de avances está a impedir que Santiago poida aproveitar plenamente o potencial destas infraestruturas.
Neste sentido, alertou de que “cada día que pasa é unha perda de oportunidades para a cidade”, tanto desde o punto de vista da mobilidade como do apoio á actividade económica e comercial.
Abal defendeu que a definición dun novo modelo de xestión debería servir para modernizar o servizo e responder mellor ás necesidades da veciñanza e dos sectores económicos da cidade. Así, sinalou que se están perdendo “oportunidades para mellorar as infraestruturas, para adoptar tarifas máis competitivas, apoiar o comercio local e mellorar a mobilidade da veciñanza residente”, cuestións que considera fundamentais nunha zona tan sensible como o Ensanche compostelán.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista reclamou ao Goberno de Goretti Sanmartín que cumpra cos compromisos adquiridos e convoque de inmediato a comisión comprometida. Para Marta Abal, Santiago non pode permitirse seguir acumulando atrasos nun asunto que afecta directamente ao futuro de dúas infraestruturas estratéxicas e que require, máis que anuncios, decisións e planificación.
Escrito por Líder Redacción
aparcadoiros politica praza de galicia praza de vigo psdg Santiago de Compostela



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)