AD

Comarca

O renovado campo do Sar estrea nova etapa tras un investimento de 334.000 euros

today4 mayo, 2026

Fondo
share close
AD

• A actuación, financiada polo POS+ da Deputación da Coruña, permitiu modernizar unhas instalacións desgastadas tras máis de dúas décadas de uso
• A reforma incluíu a renovación do céspede artificial, así como do sistema de rego e do valado perimetral do terreo de xogo
• O Concello de Padrón completou a intervención con melloras nos vestiarios, incorporando un espazo específico para xogadoras
• O alcalde celebra que, “ás portas do seu centenario, co campo renovado, o Sar continuará facendo historia e sendo un orgullo para Padrón”

Padrón.4-5-2026.- Este domingo, 3 de maio, inaugurouse o novo campo de fútbol do Sar, tras a completa renovación do seu céspede artificial, nunha actuación que supuxo un investimento total de 334.000 euros a través do Plan de Obras e Servizos POS+ da Deputación da Coruña.

As obras permitiron modernizar unha infraestrutura deportiva que presentaba un notable desgaste tras máis de dúas décadas de uso.

Ademais da substitución do céspede artificial, os traballos incluíron a renovación integral do sistema de rego e do valado perimetral do terreo de xogo, así como a instalación dunha rede de protección traseira nunha das porterías, reforzando deste xeito a seguridade das instalacións.

De maneira complementaria, e con fondos propios, o Concello de Padrón aproveitou o parón da actividade deportiva para acometer diversas melloras nos vestiarios. Entre elas, destacan a renovación do mobiliario con novos bancos e a habilitación dun vestiario feminino, que permitirá mellorar as condicións de uso para as xogadoras.

No acto inaugural participaron o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o concelleiro de Deportes, Luis Mariño, acompañados polo deputado provincial de Deportes, Antonio Leira; polo vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Manuel Lores; e pola presidenta do C.D. SAR Extramundi, Adriana Vázquez.

Durante a súa intervención, o alcalde deulles as grazas á presidenta do club «polo seu empeño en mellorar as instalacións», e tamén a todos os xogadores e xogadoras e ás súas familias «por ter aguantado os duros meses de execución das obras». Arca celebrou que, “ás portas do seu centenario, co campo renovado, o Sar continuará facendo historia e sendo un orgullo para Padrón”.

Con esta actuación, o campo de fútbol de Estramundi dá un paso firme cara ao futuro, dotándose de instalacións modernas e sistemas de última xeración que garantirán a práctica deportiva en condicións óptimas e consolidan este espazo como referente no ámbito futbolístico da contorna.

A xornada de inauguración tivo un partido de estrea cargado de emoción, no que o Sar se enfrontou a un rival directo, o Noia CF, nun encontro clave para manter as opcións de permanencia. O equipo local acadou unha contundente vitoria por 6-2 que fixo vibrar a afección presente.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *