AD

Comarca

O xornalista Xosé Luis López Vila será o pregoeiro da XXXIV Festa do Melindre

today3 mayo, 2026

Fondo
share close
AD

O domingo 10 de maio, o Goberno local outorgará ademais a distinción de embaixadores do Melindre ao locutor, a Pilar López López e á Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM)

O xornalista da Radio Galega Xosé Luis López Vila será o encargado de pronunciar o pregón da XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional que se vai celebrar en Melide os días 9 e 10 de maio. O locutor dará o pregón nun acto programado para o domingo día 10 ás 12:00 do mediodía no Cantón de San Roque. Tamén vai ser nomeado embaixador desta cita, xunto con Pilar López López e a Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM).

O pregoeiro

López Vila (1964) é fillo de galegos emigrados ao País Vasco. Licenciado en Ciencias da Información (Sección Xornalismo) pola Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Euskadi. Desde o ano 1988 é redactor-locutor de Informativos na Radio Galega onde dirixiu diferentes programas, entre eles ‘A Crónica’, co que segue colaborando. Na actualidade é responsable do espazo ‘A Crónica de Proximidade’, un programa que se emite todos os venres ás 20:00 horas no que se tratan en profundidade temas locais e relacionados co agro, a sanidade, o turismo ou a industria.

Foi tamén redactor-locutor en Radio Euskadi no ano 1987, e redactor-locutor en varias etapas da emisora ONDA 3 de Bilbao, como delegación da cadea de emisoras ‘Radio Rato’, xa desaparecida.

É colaborador frecuente en xornais do País Vasco e Galicia, nos que publica os seus artigos e reportaxes.

López Vila posúe un vínculo familiar e unha estreita relación co Concello de Melide, de onde é orixinaria a súa muller, nacida en Riocobo, na parroquia do Barreiro. É habitual velo na vila, coa que ten un forte apego e á que da visibilidade a través do seu traballo xornalístico.

Embaixadores do Melindre

O xornalista será ademais un dos Embaixadores Embaixadores na XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, organizada pola administración local. O domingo 10 de maio, durante o acto que se celebrará ás 12.00 horas no Cantón de San Roque, tamén se lle outorgará este recoñecemento a Pilar López López e á Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM).

A distinción de Embaixador ou Embaixadora do Melindre recoñece o labor de persoas ou institucións pola promoción de Melide e, directa ou indirectamente, da repostaría tradicional da vila.

Pilar López López 

No caso de Pilar López López, o Concello destaca o seu papel como xerente de ASETEM e figura clave na dinamización do comercio local e na promoción da gastronomía e dos produtos estrela da vila, como son os ricos, melindres e amendoados.

Pilar López leva anos traballando de maneira incansable para fortalecer o tecido empresarial da vila, impulsar campañas de apoio ao comercio de proximidade e poñer en valor os produtos que definen a contorna melidense. “O seu compromiso coa comunidade, a súa capacidade de mobilización e a súa defensa constante da tradición e da calidade convértena nunha representante excepcional para esta edición da festa”, aseguran.

A pesar de non nacer en Melide, Pilar López é unha “firme” embaixadora da vila, das súas tradicións e, especialmente, do comercio, da hostalaría e das empresas locais, así como dos melindres, ricos e amendoados.

Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM)

Pola súa banda, a Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM) naceu o 30 de outubro de 1989 co obxectivo de defender os intereses do empresariado da comarca. Desde os seus inicios, a entidade integrou autónomos e empresas de diferentes sectores, converténdose nun axente clave para a dinamización económica de Melide e dos concellos da zona.

Ao longo da súa traxectoria, ASETEM mantívose fiel ao compromiso de promover o comercio e a actividade empresarial local, dando un paso decisivo en 2005 coa súa constitución como Centro Comercial Aberto e consolidándose en 2010 como colectivo único de representación empresarial tras a integración doutras asociacións.

Na actualidade, continúa a ser un referente no apoio, modernización e fortalecemento do tecido económico da Terra de Melide. Ademais, “destaca polo impulso de numerosas iniciativas entre os seus asociados e asociadas para promover e poñer en valor a Festa do Melindre e a repostaría tradicional, así como os produtos máis representativos da comarca: amendoados, ricos e melindres”, aseguran dende o Goberno local.

A XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, declarada Festa de Interese Turístico Galego, sumará así tres novos embaixadores comprometidos coa defensa, exaltación e protección dos produtos artesanais da vila.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *