AD

Comarca

Padrón enche os bares de ciencia co festival internacional Pint of Science

today12 mayo, 2026

Fondo
AD

• A vila acollerá do 18 ao 20 de maio charlas e obradoiros en diferentes locais hostaleiros para achegar a ciencia á cidadanía dun xeito ameno e participativo
• Nesta innovadora iniciativa falarase sobre temas de interese coma os incendios, a medicina personalizada, a realidade virtual ou os pementos de Padrón
• O programa inclúe actividades gratuítas para todas as idades, con talleres infantís e para adultos e divulgación sobre mulleres científicas

Padrón.12-5-2026.-O Concello de Padrón súmase por primeira vez ao festival internacional Pint of Science, convertendo a vila durante tres días nun punto de encontro entre ciencia e cidadanía ao transformar varios establecementos de hostalería en escenarios nos que compartir coñecemento científico dunha forma próxima, participativa e aberta a todos os públicos.

A iniciativa, que se desenvolverá entre o luns 18 e o mércores 20 de maio, terá lugar en catro locais emblemáticos de Padrón: Reina Lupa, Sociedade Cultural Padronesa (Casino), Pulpería Rial e Alfolí. O evento conta ademais coa colaboración de Amipa, de Agadea e de A Pementeira, configurando un programa variado no que a ciencia sae dos laboratorios para sentarse directamente á mesa do bar.

As charlas terán un marcado selo local e divulgativo, con propostas tan suxestivas como Pementos… de Padrón ou de Herbón?, de Rubén Boga González; a análise dos lumes forestais en Galicia na conferencia Poden os incendios queimar o mar?, de Alberto Gutiérrez Barral, ou contidos sanitarios e de vangarda como Detectives de proteínas: medicina personalizada, de Diana Carolina Castro Fernández, e Órganos en chips que collen na palma da túa man, de Andrés da Silva Candal.

Neste mesmo ámbito sociosanitario destaca tamén a charla Rehabilitación xeriátrica con realidade virtual, de Abraham Trashorras Rivas, que amosa como as novas tecnoloxías están revolucionando os procesos de rehabilitación e atención ás persoas maiores. A actividade contará ademais coa exemplificación do servizo de atención temperá que Agadea presta en Padrón, xa que o investigador presentará nesta entidade o funcionamento e aplicación práctica do seu estudo.

A programación complétase cunha mirada social da ciencia con propostas como Educación social, participación e asociacionismo, de Aida Lorenzo Campos, e O lecer como ferramenta socioeducativa, de María Aguión Lamas.

Ademais, o Concello de Padrón aproveitará a presenza e actividade do equipo voluntario do Pint of Science para impulsar unha programación paralela de obradoiros destinados a diferentes idades. Para o público infantil desenvolveranse os talleres Un día na Terra: a incrible historia da vida e A máquina perfecta: explorando o corpo humano, mentres que para o público adulto haberá un taller de creación de totebags científicas impartido por Amipa.

A programación lúdica completarase cunha sesión de Xoguemos ao Trivial, demostrando que tamén se pode aprender entre preguntas e risas. Para participar en todos os obradoiros será necesaria a inscrición previa, agás no caso do Trivial.

A programación completa por días

O Pint of Science Padrón arrancará o luns 18 de maio cunha primeira xornada na Parrillada Reina Lupa. Ás 18.30 horas, Aida Lorenzo Campos falará sobre Educación social, participación e asociacionismo, mentres que María Aguión Lamas farao sobre O lecer como ferramenta socioeducativa.

Ás 20.00 h terá lugar o relatorio Órganos en chips que collen na palma da túa man, a cargo de Andrés da Silva Candal, e ás 21.00 celebrarase a actividade lúdica Xoguemos ao Trivial.

O martes 19 a divulgación científica trasládase ao Bar Casino e á Cafetería Alfolí. O primeiro acollerá ás 17.30 h o obradoiro infantil Un día na Terra: a incrible historia da vida e, ás 19.00 h, a conferencia de Alberto Gutiérrez Barral Poden os incendios queimar o mar?. Pola súa banda, o segundo establecemento hostaleiro será escenario da charla Rehabilitación xeriátrica con realidade virtual, que impartirá Abraham Trashorras Rivas.

Xa o mércores 20, o último día do Spint of Science Padrón arrancará ás 11.30 h no Auditorio Municipal de Padrón co obradoiro para adultos de Amipa A túa totebag científica.

Logo, o programa continuará na Pulpería Rial, que ás 16.30 h acollerá o taller infantil A máquina perfecta: explorando o corpo humano. Ás 18.00 h poderemos asistir ao relatorio Detectives de proteínas: medicina personalizada, de Diana Carolina Castro Fernández, e ás 19.00 h á charla Pementos… de Padrón ou de Herbón?, de Rubén Boga González.

Desde o Concello anímase á veciñanza e aos visitantes a participar nesta proposta internacional que busca demostrar que a ciencia tamén se pode compartir arredor dunha mesa, nun ambiente próximo, aberto e participativo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *