Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 mayo, 2026
A Estrada celebrou este 17 de maio unha das edicións máis multitudinarias e emotivas da súa histórica Festa do Salmón. A 52ª edición da cita gastronómica reuniu milleiros de persoas na Praza da Constitución, onde se repartiron preto de 6.000 racións nunha degustación popular que bateu récord de participación hostaleira.
O acto institucional abriu a xornada cun Teatro Principal completamente cheo. A Banda Municipal acompañou a comitiva oficial ata o recinto, onde o ex xogador de baloncesto Fernando Romay Pereiro exerceu como pregoeiro. O medallista olímpico puxo o ton de humor á celebración, facendo bromas sobre o paralelismo entre a súa altura e a do “rei do río”.
Un dos momentos máis comentados chegou coa entrega do Salmón de Ouro ao propio Romay. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, tiveron que subir ás súas cadeiras para colocar a distinción ao ex deportista de 2,13 metros, deixando unha das imaxes máis simpáticas da festa.
A emoción tomou despois o protagonismo coa homenaxe á exalcaldesa Elvira Fernández Díaz, primeira e única muller que ocupou a alcaldía estradense. A súa filla, María Valladares, foi a encargada de recoller o recoñecemento e ler unhas palabras nas que Fernández lembrou a súa chegada á Estrada como funcionaria e a fonda vinculación que mantén coa vila. O discurso rematou cun sentido aplauso de todo o auditorio posto en pé.
Tamén recibiron o Salmón de Ouro o actor e músico Darío Loureiro Carbia e a cineasta Ariadna Silva Fernández, ambos distinguidos polos Premios Mestre Mateo. Loureiro combinou humor e emoción na súa intervención, mentres que Ariadna Silva reivindicou a importancia de preservar o río Ulla e lembrou os seus inicios audiovisuais nos centros educativos estradenses.
O último recoñecemento recaeu na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, agradeceu o apoio do municipio e destacou o papel da academia como centro de formación de referencia en Galicia.
No seu discurso institucional, o alcalde Gonzalo Louzao destacou o “momento especial” que vive a Festa do Salmón, facendo fincapé na crecente implicación da hostalería local e na resposta masiva do público. Tamén vinculou a celebración co Día das Letras Galegas e co 50 aniversario do concurso da Sociedade Deportiva Río Ulla.
Louzao recoñeceu ademais a preocupación existente pola situación da pesca do salmón no Ulla, reivindicando a necesidade de seguir protexendo o río e o seu ecosistema. Definiu a Sociedade Deportiva Río Ulla como “a primeira defensora do río, o seu ecosistema e a tradición”.
A xornada culminou coa multitudinaria degustación popular baixo a gran carpa instalada na Praza da Constitución. Un total de 18 restauradores ofreceron distintas elaboracións de salmón nun ambiente festivo amenizado pola Big Band Carlos Barruso. As boas condicións meteorolóxicas contribuíron ao éxito dunha edición que consolida a Festa do Salmón como unha das grandes citas gastronómicas e sociais de Galicia.
Entre os locais participantes estiveron Riala, Samaná, A Lacena de Chucha, Gran Vía, Malo Será, Río Liñares, Inferno, Os Peares, Cepa e Viño, Navegación, Mr Pizza, Cervela, Velis Nolis, A Casa do Lagoeiro, O Candil de Silvia, Andalucía e Scala.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)