Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 julio, 2026
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, confirmou que volverá optar á Alcaldía nas eleccións municipais de maio de 2027. Nunha entrevista en Radio Líder Santiago, o rexedor defendeu o traballo desenvolvido durante o actual mandato e asegurou que varios dos proxectos impulsados polo goberno local precisarán continuidade nos próximos anos.
«Gústame o meu traballo e quero que os cidadáns teñan oportunidade de valoralo», afirmou Bustelo ao explicar a súa decisión. O alcalde considera que o Concello está a sentar as bases de actuacións que non estarán rematadas antes das próximas eleccións. «Hai moito traballo feito e hai moito traballo en marcha que, evidentemente, non vai verse materializado nos meses que quedan de lexislatura», sinalou.
Nese horizonte sitúa o proxecto Rianxo 2030, unha folla de ruta que pretende manter sobre a mesa demandas históricas do municipio. «Independentemente do que pase ou da cor política que haxa en cada Administración, moitas desas liñas de traballo teñen que manterse», explicou, citando proxectos como o centro de día ou a residencia.
Bustelo tamén deixou aberta a porta á procura de acordos de cara ao próximo ciclo político. «Temos a vontade de explorar todas aquelas alianzas que fagan falta para conseguir unha maioría que nos permita gobernar dunha maneira máis cómoda e máis áxil», declarou. O obxectivo, engadiu, é evitar «certos momentos de bloqueo» vividos durante a actual lexislatura.
Entre os principais avances da acción municipal, o alcalde destacou a Relación de Postos de Traballo (RPT), que está previsto levar ao pleno ordinario de xullo tras ser ratificada na mesa de negociación. Trátase, segundo explicou, do primeiro documento destas características no Concello nos últimos 30 anos.
«É raro, pero é así. É o primeiro documento deste tipo nos últimos 30 anos», afirmou. Bustelo considera que a nova RPT permitirá ordenar a estrutura municipal e mellorar as condicións do persoal. «A Administración, para dar bos servizos, ten que estar ben ordenada e a xente que traballa nela ten que ter boas condicións», defendeu.
O Concello tamén avanza nun dos maiores investimentos da lexislatura: a renovación da iluminación pública da vila, cun investimento próximo ao medio millón de euros. «Non só vai supoñer mellorar a iluminación do conxunto da vila», explicou Bustelo, senón tamén modernizar cadros eléctricos e incorporar novos sistemas de telexestión que permitan reducir o consumo e xerar aforro para as arcas municipais.
A chegada do verán e o incremento da poboación obrigan tamén a reforzar os servizos municipais. «De aquí ata o 15 de agosto é cando máis notamos ese pico de visitantes», explicou o alcalde. Limpeza, recollida de lixo e atención dos espazos públicos deben adaptarse a unha maior demanda nun período marcado tamén polas festas e os eventos.
«Son semanas de festa, semanas de calor e de pasalo ben, pero tamén semanas de seguir traballando e incluso de aumentar as prestacións en certos ámbitos», indicou.
Bustelo mostrou, ademais, especial preocupación polo risco de incendios ante as altas temperaturas. «O que máis nos preocupa é fundamentalmente o que poida pasar cos incendios», afirmou, asegurando que o Concello permanece «moi atento e moi vixiante ao que pasa nos montes».
No ámbito político, o rexedor reivindicou finalmente a súa visión municipalista como base do seu proxecto. «A base municipalista sempre vai estar comigo», asegurou. Para Bustelo, esa forma de entender a política pasa por «antepoñer os intereses de Rianxo e dos veciños e veciñas a calquera outro interese».
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)