AD

Actualidad

Sesión vermú, tardeo con sesión DJ e festa dos oitenta para despedir o ano no Atlántico

today30 diciembre, 2024

Fondo
share close
AD

• A última cita do Nadal Fest comezará ás 13.00 horas con barra de aperitivos, e continuará cunha pinchada a cargo dun dos máis reputados Dj’s da cidade
• A Gran Festa de Aninovo dará comezo ás 00.30 horas con selección musical da DJ Pili F e coctelería de autor

Santiago, 30 de decembro do 2024. O Atlántico Rock & Cocktail Pub, todo un referente cultural da cidade, pechará a programación do seu Nadal Fest mañá martes, 31 de decembro, cunha gran celebración de Fin de Ano que comezará ás 13.00 horas cunha sesión vermú con barra de aperitivos e selección musical a cargo dos djs residentes do local ata as 15.00 horas.

Tras a sesión vermú chegará un tardeo moi especial, entre as 15.00 e as 19.00 horas, ambientado por Dj Mil, un dos djs máis reputados da cidade, que participou en distintos eventos especializados como a Redbull 3Style, desenvolvendo un estilo característico que o levou a actuar por toda a península e en distintas cidades doutros países como Frankfurt, Bristol, Glasgow, Manchester, Gerês… e a impartir clases desde 2019 en WAX!CULTURA DJ en Compostela.

Tal e como lembran desde a dirección deste emblemático local, os seus sets caracterízanse por «combinar enerxía, baile e as habilidades propias dun Dj de competición curtido en distintos clubes», con residencias dedicadas ao funk, disco, hip hop, dancehall, house…, protagonizando nesta ocasión o último tardeo do ano do pub da Fonte de San Miguel, onde abriu as súas portas hai 36 anos.

E xa para rematar, a partir das 00.30 horas, o Atlántico celebrará a benvida do novo ano coa Gran Festa de Aninovo, un guateque ambientado con música dos 80`s, disco, soul e rock seleccionada por dj Pili F., e que promete ser un dos grandes atractivos da axenda festiva compostelá do día.

Todas as actividades serán con entrada libre. Ademais, os asistentes á Gran Festa de Aninovo poderán gozar dun bono desconto especial en venda anticipada para 3 copas e cotillón, ao prezo de 20 euros, e que poden adquirirse xa no propio local.

CATAS E TALLERES NO 2025

Co Nadal Fest, o local compostelán, un dos máis citados na prensa nacional e internacional pola súa programación cultural e a súa coctelería, pon o broche de ouro a un ano intenso no que destacaron exitosas propostas como as Noites de Trova, con micro aberto a cantautores e poetas, ou os concertos enmarcados no festival Feito a Man, sen esquecer as festas temáticas habituais do local.

Ademais, este ano, explica a súa cofundadora e xerente, Pilar Fernández, “tamén fixemos algunhas colaboracións moi especiais con outros locais, e ampliamos a carta de cócteles, na que poden atoparse”, lembra, “algúns clásicos e os nosos cócteles de autor, algúns deles premiados en diferentes concursos”.

“Tamén ampliamos a selección de whiskies e mezcales elaborados por produtores pequenos independentes”, engade a recoñecida sumiller e barmaid, “posicionándonos como un dos locais referentes na variedade de destilados do mundo”.

Consciente dos cambios producidos nos hábitos sociais nos últimos tempos, o local da Fonte de San Miguel, que abriu as súas portas en 1988, empezou a adaptar os seus horarios aos novos costumes, facendo tardeos de fin de semana, que tamén se seguirán facendo durante as fins de semana de decembro e nos días do festival.

Por outra banda, o local suma un novo espazo que xa estaba programado, a sala de catas do Atlántico, situada no antigo taller de pratería, e que sería o seu terceiro ambiente, dedicado a cursos e catas de coctelería e destilados. “Para o 2025 nosa intención é seguir traballando nesta liña”, explica Pilar Fernández, “abrindo máis tardes á semana e organizando máis actividades”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%