Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 abril, 2026
Cacheiras, 24 de abril de 2026. A Plataforma STOP Planta de Residuos Cacheiras Aldeas Limpas mantivo este venres día 24 unha reunión coa Subdirectora Xeral de Residuos e Economía Circular, Isabel Mª González Lechuga, encontro inicialmente solicitado co Director Xeral de Cambio Climático.
Durante a reunión, a Plataforma reiterou a súa preocupación polo contido do proxecto presentado pola empresa, que —segundo denunciou— contén datos errados e afirmacións afastadas da realidade do territorio. A veciñanza lembra que nas inmediacións dos terreos previstos existen numerosas vivendas, algunhas a menos de 50 metros, o que fai incompatible a instalación dunha planta destas características coa calidade de vida nas aldeas de Feros, A Torre, Raxó e o conxunto de Cacheiras.
Neste escenario, a Plataforma advirte dos impactos que podería xerar esta actividade, entre eles o aumento do ruído, a presenza de po en suspensión, o incremento do tráfico pesado e os riscos para a saúde, a seguridade viaria e os recursos hídricos.
A Plataforma sinala que durante a reunión se percibiu unha vontade de escoitar as preocupacións da veciñanza e unha disposición ao diálogo por parte da Administración. Neste sentido, desde a Subdirección Xeral indicáronlles que “nos vindeiros días van remitir os requirimentos necesarios para que poidamos ter o recoñecemento formal como persoas interesadas no expediente”, explican desde a Plataforma. Se finalmente se acada esta condición, as persoas afectadas “poderemos acceder á documentación completa e presentar alegacións en calquera momento do procedemento”, segundo lles informaron no decurso da reunión.
Así mesmo, a Subdirectora trasladoulles que a resolución do expediente aínda está lonxe, xa que se continúa a requirir documentación adicional á empresa promotora. Tamén se apuntou que, no caso de que o proxecto chegase a ser autorizado, a posta en marcha da actividade quedaría condicionada á obtención das correspondentes licenzas municipais.
A reunión desenvolveuse nun ton cordial e cun trato respectuoso cara á Plataforma, que valora positivamente este cambio na interlocución institucional, en contraste coa actitude mantida ata o momento pola alcaldesa de Teo. Precisamente, a Directiva da Plataforma informou de que “Lucía Calvo convocou á Plataforma a unha nova reunión o vindeiro mércores”, e manifestan que “a veciñanza agarda que transcorra nun clima construtivo e respectuoso como a de hoxe”. Así mesmo indican que esperan que esta nova reunión coa Alcaldesa achegue avances cara o freo á planta de residuos, “mais a día de hoxe non coñecemos o motivo polo que se nos convoca nin o tema a tratar”, sinalan.
A Plataforma STOP Planta de Residuos Cacheiras Aldeas Limpas reafirma o seu compromiso coa defensa do territorio, da saúde das persoas e dun modelo de vida sostible no rural, e continuará empregando todas as vías sociais, legais e administrativas ao seu alcance para frear un proxecto que considera incompatible coa contorna.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)