AD

Comarca

Un novo paso para a residencia de maiores de Rianxo

today14 abril, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello de Rianxo deu hoxe un paso decisivo cara á construción da futura Casa de Acompañamento aos Maiores (CAM), un innovador modelo de residencia pública impulsado pola Deputación da Coruña.

Durante a xornada comezaron os traballos do estudo xeotécnico, unha fase clave previa á redacción do proxecto construtivo do centro, que se situará nunha parcela que será cedida á administración provincial.

Precisamente, o pleno da corporación municipal celebra tamén hoxe unha sesión extraordinaria coa finalidade de aprobar a cesión da titularidade do terreo á Deputación da Coruña, un trámite imprescindible para avanzar no desenvolvemento da infraestrutura.

A nova residencia contará con arredor de 59 prazas e pretende afastarse do modelo tradicional de grandes centros asistenciais. O proxecto aposta por un formato máis reducido e integrado no tecido social e urbano do municipio, promovendo un enfoque centrado nas persoas.

Entre as súas características destaca un sistema de cogobernanza, no que participarán activamente profesionais, persoas usuarias e as súas familias, co obxectivo de ofrecer unha atención máis próxima, personalizada e adaptada ás necesidades reais da veciñanza.

A posta en marcha desta infraestrutura responde a unha demanda histórica tanto de Rianxo como da comarca do Barbanza, que leva anos reclamando máis recursos públicos para a atención das persoas maiores.

Dende o Concello subliñan que este proxecto é un exemplo de colaboración institucional, que permitirá facer realidade unha iniciativa estratéxica para o benestar social do territorio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *