Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Concello de Val do Dubra vén de trasladar formalmente á Consellería de Sanidade a súa preocupación e malestar pola supresión do servizo asistencial os sábados pola mañá no centro de saúde do municipio, unha medida que entrou en vigor neste mes de abril.
Nun comunicado oficial, o alcalde, en nome do Goberno municipal, subliña que esta decisión supón “un novo retroceso” na prestación dos servizos sanitarios no rural, incidindo nun sistema que xa presenta importantes tensións e listas de espera en aumento. Segundo indican, a eliminación desta atención obrigará a moitos veciños e veciñas a desprazarse ata Santiago de Compostela para seren atendidos nos puntos de atención continuada (PAC), co conseguinte prexuízo.
Ademais, desde o Concello alertan da situación da atención pediátrica, cualificada de “practicamente inexistente” durante boa parte das semanas. A praza, actualmente a tempo parcial, non garante unha cobertura estable, o que obriga ás familias a buscar asistencia noutros centros, principalmente en Santiago, xerando desigualdades no acceso á sanidade.
O Goberno municipal tamén puxo o foco no estado das instalacións do centro de saúde, que consideran necesitadas de investimentos urxentes en mantemento e modernización. Defenden que é imprescindible garantir condicións dignas tanto para o persoal sanitario como para a cidadanía usuaria.
Por todo isto, o Concello solicita á Consellería que reconsidere as medidas adoptadas e que actúe para recuperar a atención sanitaria dos sábados, asegurar unha cobertura pediátrica efectiva e dotar dos recursos necesarios para mellorar as infraestruturas sanitarias locais.
Desde o executivo local agardan que estas demandas sexan atendidas “coa sensibilidade que require a defensa da sanidade pública e dos dereitos da cidadanía do rural”.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)