Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today31 agosto, 2026
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, deu este luns inicio a “un curso político diferente”, o último antes das eleccións municipais de maio e, polo tanto, un período no que “pouco a pouco Santiago vai empezar a decidir como quere que sexan os próximos catro ou oito anos”.
Verea explicou que quere afrontar estes meses falando fundamentalmente de Santiago: “Dos problemas que temos que resolver, por suposto, pero, sobre todo, das oportunidades que temos por diante, das propostas que iremos presentando e da cidade que queremos construír”.
“Afronto estes meses con máis ilusión, máis experiencia e, se cabe, con máis ganas que cando comecei”, afirmou o líder popular, quen asegurou que agora coñece mellor Santiago e os seus problemas e está aínda máis convencido “das enormes posibilidades desta cidade”.
Segundo explicou, estes anos servíronlle para escoitar moito, coñecer aínda mellor os barrios e confirmar algo que considera cada vez máis importante: “A política municipal ten que servir, antes que nada, para facerlle a vida máis fácil á xente”.
“Eu quero un Concello útil, un Concello que funcione e que entenda a vida real das persoas”, manifestou Verea, que se referiu ás nais e aos pais que cada mañá van correndo para deixar os nenos no colexio e chegar ao traballo; á persoa maior que necesita unha cidade cómoda, accesible, coidada e limpa; á parella de mozos que quere poder quedar a vivir en Santiago e atopar unha vivenda; e ao autónomo ou pequeno empresario que abre cada mañá o seu negocio e necesita unha Administración que lle facilite as cousas en lugar de complicárllelas.
“Gobernar unha cidade empeza precisamente aí, nas pequenas cousas que condicionan todos os días a vida das persoas”, salientou. Nesta dirección, avanzou que durante os próximos meses o Partido Popular continuará presentando propostas como as que xa deu a coñecer nas últimas semanas arredor das familias, da mobilidade, da vivenda e dos servizos públicos.
Con todo, Verea advertiu de que gobernar Santiago tamén significa algo máis que conseguir que as cousas funcionen ben. “Significa ter unha dirección e saber onde queremos que estea Santiago dentro de dez anos”, indicou.
Neste sentido, reivindicou “un Santiago con ambición”, unha cidade que aproveite todo o potencial das súas universidades, da súa cultura, do seu talento e da súa economía. “Un Santiago que volva liderar Galicia, que aproveite plenamente a súa alma internacional e a súa vocación atlántica e europea e que se volva abrir ao mundo”, engadiu.
Para avanzar neste proxecto, Verea sinalou que durante os próximos nove meses será fundamental “estar preto” e comprometeuse a intensificar a súa presenza na rúa, percorrendo os barrios e falando con familias, comerciantes, asociacións, profesionais, empresarios, universidades, rapaces e maiores.
“Un alcalde non pode coñecer Santiago só desde un despacho ou desde unha sala de prensa. Ten que coñecelo camiñando, falando coa xente e entendendo como vive e como sente cada barrio”, afirmou.
O líder popular asegurou que así é como entende a Alcaldía: “Con proximidade, capacidade de xestión e tranquilidade; sen ruído innecesario, sen converter cada problema da cidade nunha batalla política innecesaria e sabendo que gobernar significa tomar decisións, resolver problemas e asumir responsabilidades”.
Verea subliñou que o Partido Popular non comeza estes nove meses pensando simplemente en gañar unhas eleccións, senón consciente de que ten “a responsabilidade de estar preparado para gobernar Santiago desde o primeiro día”.
“Eu tomei unha decisión persoal, que foi dedicar esta etapa da miña vida a Santiago, e estou máis convencido que nunca daquela decisión”, afirmou. Neste sentido, asegurou que cre profundamente na cidade, que coñece todo o que pode dar de si e que está convencido de que é posible facelo mellor “con capacidade para xestionar, proximidade para escoitar e unha enorme ambición por Santiago”.
Preguntado pola situación das restantes formacións políticas da cidade, Verea asegurou que “a división é dos outros”. “Son os outros os que están divididos. Eran dous ou tres partidos e parece que van ser catro ou cinco na cidade de Santiago”, indicou.
Fronte a este escenario, Verea asegurou que o Partido Popular representa “todo o contrario: tranquilidade, unidade, xestión e futuro”.
O obxectivo, segundo explicou, é consolidar esa maioría que o PP percibe nas rúas e que, segundo sinalou, tamén recollen os estudos demoscópicos, co fin de estar preparado para gobernar a partir do día seguinte ás eleccións municipais.
“Serán eles os que terán que explicar por que están, a poucos meses das eleccións, nesta situación e, o que é máis triste, por que teñen tamén a cidade nesta situación como consecuencia desas leas”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)