Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 mayo, 2024
Vila de Cruces, 24 de maio de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- A Festa Gastronómica do Galo de Curral do Concello de Vila de Cruces, considerada Festa de Interese Turístico Galego que este ano cumpre o seu trinta aniversario, celebrarase esta fin de semana cunha gran variedade de actuacións musicais e a tradicional degustación do galo. O Goberno municipal agarda que máis de 3.000 persoas se reúnan esta fin de semana para gozar de todas as actividades programadas. Os festexos comezarán mañá sábado, 25 de maio, co XXX Festival de Bandas de Música de Galicia, ás 18:00 horas na Praza Juan Carlos I, diante do Concello. Contarase coa presenza da Banda de Música Unión Musical de Ponteledesma, a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas e a Banda de Música Artística de Merza.
A fin de semana da XXX Festa Gastronómica do Galo de Curral continuará o domingo, 26 de maio, coa súa xornada grande, que estará presentada pola xornalista cruceña Mercedes Seijo. Os pasarrúas, a cargo dos grupos folclóricos ‘O Arco de Merza’ e ‘Vai-Nela de Salgueiros’, iniciarán o seu percorrido ás 11:00 horas. Tamén haberá unha exhibición de coches antigos a cargo da Escudería Históricos do Deza na praza do Concello ás 11:30 horas. O ambiente festeiro continuará ás 12:10 horas coa actuación do grupo local de percusión ‘Odaiko’ que encherá cos seus sons toda a vila. Odaiko montará o seu propio espectáculo, caracterizado polo virtuosismo, o humor e unha gran posta en escena, con moitos elementos percusivos. Juan Collazo, Antonio Ocampo, Félix Rodríguez e Fran Troncoso compoñen esta formación de percusión contemporánea que fusiona sons do jazz, flamenco, folk e mesmo sons traídos da música tradicional hindú e senegalesa.
Un dos momentos cume da xornada do domingo será o pregón, ás 12:45 horas, a cargo do actor e humorista Víctor Fábregas (Esteiro, Muros, 1971), moi coñecido polo show «Os Tonechos» co que se deu a coñecer xunto a Roberto Vilar en TVG e en moitos espectáculos por toda a xeografía galega. Víctor Fábregas explica que o pregón terá, como non pode ser doutra maneira, ao galo como protagonista, ao facer un percorrido histórico pola festa, falar das bondades do produto e contar algunha que outra anécdota. “Non será un pregón ao uso. Tentarei que a veciñanza de Cruces e os visitantes se rían e se divirtan, xa que o primordial nunha festa é divertirse” –asegura–.
O mediodía terá un gran momento musical. Ás 13:00 horas poderase gozar e bailar coas voces do grupo ‘Edad de Oro del Pop Español’, composto por Pablo Perea (La Trampa), Naím Thomas (primeira edición de OT), Javián (primeira edición de OT) e Patricia Aguilar (finalista en ‘Tu cara no me suena todavía’) que interpretarán as cancións máis relevantes dos 80 e os 90.
Pero non todo pode ser música e, como auténtica festa gastronómica, contarase cunha degustación de galo de curral, a partir das 12:00 horas na praza do Concello. O restaurante Onde Antonio, local de Lalín propietario dun veciño de Vila de Cruces, ofrecerá máis de 300 ración de galo de curral con patacas e fabas a un prezo simbólico de tres euros.
O día pecharase por todo o alto coa música de verbena da orquestra Los Satélites, que ofrecerán unha gran actuación a partir das 18:00 horas. Por primeira vez, a festa finalizará coa actuación dunha orquestra o que, segundo o Concello, provocou unha maior petición de espazos para atraccións e postos ambulantes.
O Galo co Deporte
O deporte tamén será protagonista da festa e o Concello de Vila de Cruces programou a iniciativa ‘O Galo co Deporte’ que terá lugar o domingo, 2 de xuño, na Praza do Concello. Organizaranse unha serie de paseos ou rutas para desfrutar a todas as idades, sen pensar na competición como o principal obxectivo.
Haberá unha ruta para motos de monte, quads e buggies de 60 quilómetros, chamada ‘O Galo Trotamontes’, ás 11:00 horas. Tamén a actividade ‘O Galo Pedalea’, cunha ruta para bicicletas de 15 quilómetros que comezará ás 11:15 horas. Os cabalos terán tamén o seu oco en ‘O Galo Cabalga’, cunha ruta cabalar de 15 quilómetros que sairá da Praza do Concello ás 11:30 horas. Outra opción para participar será ‘O Galo Corre’, cunha edición para pitiñas e pitiños de 150 e 500 metros, ás 12:00 horas. A xornada pecharase ás 13:00 horas coa actuación do Dúo Crazy e uns pinchos para todas as persoas participantes. Será necesaria a inscrición previa obrigatoria para participar nas diferentes propostas de ‘O Galo co Deporte’, aberta ata o 29 de maio na Sede Electrónica ou no Rexistro do Concello de Vila de Cruces. Na web do Concello están dispoñibles os formularios de inscrición –https://viladecruces.es/2024/05/21/o-galo-co-deporte-2-de-xuno/–, cada actividade coa súa ficha correspondente nas que hai un código QR para visualizar o percorrido das rutas, todas elas por camiños forestais públicos e pistas de parcelaria xa que non se trata dunha actividade profesional nin competitiva.
Written by: Líder Redacción
festa galo de curral gastronomia radio lider santiago vila de cruces
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)