Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2026.- A Fundación Rosalía de Castro, a Secretaría Xeral da Lingua e El Corte Inglés, presentaron hoxe a VIII edición do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar a creación poética en lingua galega e achegar ás novas xeracións a figura da autora máis universal das nosas letras.
No acto de presentación participaron Valentín García, secretario xeral da Lingua; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; e Fuencisla Cid, directora de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés en Galicia.
Un certame consolidado para achegar Rosalía ás novas xeracións
Recuperado nesta oitava edición, o certame naceu en 2013 por iniciativa da Fundación Rosalía de Castro e El Corte Inglés, coincidindo coa celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, co propósito de divulgar entre a comunidade escolar o legado de Rosalía de Castro e impulsar a creación poética en lingua galega.
Con esta nova convocatoria, a Fundación Rosalía de Castro e El Corte Inglés renovan o seu compromiso coa promoción da cultura galega, a lingua propia de Galicia e o desenvolvemento do talento creativo da infancia e da adolescencia, ofrecendo aos escolares unha oportunidade para expresarse a través da poesía e descubrir a vixencia do legado rosaliano. Ao longo das súas distintas edicións, o certame contou cunha ampla participación de estudantes de toda Galicia.
Nesta edición, a Secretaría Xeral da Lingua suma a súa colaboración ao certame co obxectivo de reforzar a súa difusión entre a comunidade educativa galega e fomentar a participación dos escolares. A súa implicación contribúe a ampliar o alcance desta iniciativa, favorecendo o coñecemento da figura e da obra de Rosalía de Castro e promovendo o uso da lingua galega entre as novas xeracións a través da creación poética.
Durante a presentación, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, fixo fincapé no apoio a este concurso como xeito de incentivar o uso do galego dentro da comunidade, e resaltou a importancia da implicación do tecido socio-económico no desenvolvemento da lingua galega, agradecendo o compromiso de El Corte Inglés neste sentido. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, destacou a importancia da recuperación deste certame: «desde a Fundación Rosalía alegrámonos moito de que se reanude este premio en colaboración cunha empresa como El Corte Inglés, que nos leva apoiando moitos anos. Este concurso é un fermoso xeito de descubrir o talento literario precoz e unha boa maneira de animar a rapaces e rapazas no mundo da escritura».
Pola súa banda, a directora de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés en Galicia, Fuencisla Cid, destacou o valor desta iniciativa como ferramenta de promoción cultural e educativa: «Rosalía de Castro representa unha das figuras máis universais da nosa cultura e unha inspiración permanente para as novas xeracións. Desde El Corte Inglés queremos contribuír a que os nenos e nenas de Galicia se acheguen á súa obra dunha forma activa e creativa. Este concurso é unha oportunidade para descubrir novas voces, fomentar o uso da lingua galega e reforzar o vínculo dos escolares co noso patrimonio cultural.»
Impulso á lingua e ao talento literario máis novo
O concurso está aberto ao alumnado matriculado durante o curso 2026-2027 en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia e contempla tres categorías: terceiro ciclo de Educación Primaria (5º e 6º cursos), primeiro ciclo de ESO (1º e 2º) e segundo ciclo de ESO (3º e 4º). As obras deberán ser orixinais, inéditas e estar escritas en lingua galega.
A convocatoria establece un primeiro premio e dous accésits por cada categoría, dotados con tarxetas agasallo de El Corte Inglés.
O prazo de recepción dos traballos permanecerá aberto ata o 15 de xaneiro de 2027. Para participar, os traballos poderán remitirse aos departamentos de Comunicación de calquera dos centros de El Corte Inglés en Galicia, e tamén poderán entregarse persoalmente nas súas librarías.
As bases da convocatoria están dispoñibles nas páxinas web da Fundación Rosalía de Castro e de El Corte Inglés, para a súa consulta.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)