Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 julio, 2026
A Deputación da Coruña contará cunha sede propia en Santiago de Compostela tras adxudicar por 850.000 euros a compra dun local situado na rúa San Pedro Mezonzo, no Ensanche. As novas dependencias acollerán, entre outros servizos, a oficina de recadación tributaria, un espazo de coworking, un auditorio e unha aula de formación.
O inmoble, ata agora propiedade da Cámara de Comercio de Santiago, está situado no número 44 baixo de San Pedro Mezonzo. A operación supón un aforro de 275.300 euros respecto ao importe máximo previsto pola institución provincial para a adquisición da súa nova sede compostelá, que ascendía a 1.125.300 euros.
A oficina de Santiago será, xunto coa proxectada en Ferrol, unha das primeiras sedes institucionais que a Deputación porá en funcionamento fóra da cidade da Coruña. A apertura destes espazos forma parte do proceso de descentralización dos servizos provinciais e da estratexia para reforzar a presenza da institución noutros puntos da provincia.
Un local de máis de 800 metros cadrados no Ensanche
A futura sede está situada nunha zona de importante actividade comercial e administrativa e a uns 200 metros da estación intermodal Santiago de Compostela-Daniel Castelao. No contorno existen tamén diferentes paradas de transporte urbano —a máis próxima atópase a uns 90 metros— e varios aparcadoiros públicos.
O local dispón dunha superficie rexistral de 835 metros cadrados, aínda que a superficie catastral alcanza os 874 metros cadrados. Ocupa integramente a planta baixa do edificio e conta con acceso directo desde a rúa.
A Deputación iniciará agora os trámites para acometer as obras de reforma e acondicionamento interior necesarias para adaptar as instalacións aos servizos previstos.
Unha parte destacada do inmoble estará destinada á oficina de recadación tributaria de Santiago. Este servizo ocupará máis de 200 metros cadrados e contará cunha zona de espera para o público, espazos de atención e traballo con capacidade para 17 postos e un despacho independente para a xefatura da zona.
Coworking, auditorio e espazos para actos
O proxecto inclúe tamén a creación dunha zona de traballo colaborativo ou coworking, así como unha sala de reunións de arredor de 39 metros cadrados. O auditorio e a aula de formación ocuparán máis de 110 metros cadrados, mentres que preto de 90 metros cadrados estarán reservados para usos institucionais.
Estas dependencias poderán acoller actos públicos, encontros con entidades e colectivos e presentacións. As instalacións completaranse con espazos de arquivo e almacén e aseos accesibles.
Segundo a memoria técnica, o local dispón xa dun itinerario sen barreiras arquitectónicas. O inmoble presenta ademais a fachada rematada e os acabados interiores en bo estado, así como conexión ás redes de electricidade, auga potable, saneamento e telecomunicacións.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, enmarcou a nova sede na intención do goberno provincial de «achegar a Deputación á cidadanía, ofrecer servizos útiles e abrir a institución á actividade económica, social e cultural».
Formoso considera que as novas dependencias permitirán mellorar a atención aos usuarios e avanzar cara a unha administración «máis próxima, máis accesible e máis útil».
Coas novas sedes de Santiago e Ferrol, a Deputación busca ampliar a súa presenza territorial e facilitar unha relación máis directa entre os servizos provinciais e a cidadanía.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)