Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O alcalde, Blas García, participou nas xornadas «Innovación Urbana: otras formas de hacer ciudad», un espazo de intercambio de experiencias e aprendizaxe sobre os retos das cidades e a aplicación dos fondos europeos
Blas Garcia: “Ames é un concello en constante crecemento e temos por diante retos importantes. Por iso é fundamental participar nestes encontros, coñecer experiencias que están a funcionar noutros lugares e explorar novas oportunidades para seguir mellorando a calidade de vida da nosa veciñanza”
Ames, 23 de outubro de 2026.- O Concello de Ames participou os días 21 e 22 de outubro en Granada no encontro europeo de capacitación «Innovación Urbana: otras formas de hacer ciudad», organizado pola Iniciativa Urbana Europea (EUI). A cita reuniu máis de 200 representantes políticos e técnicos de Concellos e Deputacións de España e doutros países europeos para compartir experiencias, coñecer novas metodoloxías e avanzar na transformación urbana desde a innovación, a sustentabilidade e a participación cidadá.
O alcalde de Ames, Blas García, participou neste espazo de traballo e aprendizaxe, no que se abordaron os principais desafíos que afrontan as administracións locais á hora de planificar o futuro dos seus municipios e desenvolver proxectos transformadores. O encontro enmárcase na implementación das Estratexias de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) e dos seus Plans de Actuación Integrados (PAI), instrumentos destinados a impulsar actuacións de desenvolvemento urbano sostible co apoio dos fondos europeos.
O alcalde de Ames, Blas García, explica que “durante esta semana participamos en Granada nun encontro de Concellos e outras institucións sobre a xestión dos fondos europeos. Para nós son unhas xornadas moi importantes e necesarias xa que Ames é beneficiario de 11 millóns de euros para xestionar durante os próximos anos en catro proxectos incluídos eno Plan Conecta Ames”.
“Neste encontro participamos o técnico de fondos europeos, a secretaria municipal e máis eu para aprender, compartir experiencias e explicar o que estamos facendo en Ames, desde a mobilidade ata o sistema de alimentación que temos vinculado ao mercado municipal de abastos. Deste xeito, explicamos o que pretendemos facer con estes fondos europeos, pero estas xornadas tamén nos serviron para escoitar a outros Concellos”.
“Ames é un concello en constante crecemento e temos por diante retos importantes. Por iso é fundamental participar nestes encontros, coñecer experiencias que están a funcionar noutros lugares e explorar novas oportunidades para seguir mellorando a calidade de vida da nosa veciñanza”, sinalou Blas García.
Relatorios, presentacións de boas prácticas, obradoiros e visitas
O programa combinou relatorios, presentacións de boas prácticas nacionais e europeas, obradoiros interactivos e visitas a proxectos de Granada e da súa área metropolitana. Os traballos organizáronse arredor de tres eixes: o marco institucional e a gobernanza, a mobilización de recursos e financiamento, e a monitorización e gobernanza dos datos.
A participación neste encontro permitiu coñecer novas ferramentas para afrontar a planificación urbana, intercambiar experiencias con outras administracións e identificar enfoques que poden contribuír ao desenvolvemento de políticas públicas máis eficaces, sostibles e inclusivas.
Neste sentido, o Concello de Ames destaca a importancia de aproveitar as oportunidades que ofrecen os programas europeos para reforzar a capacidade municipal de planificación e execución de proxectos. A cooperación entre cidades e o intercambio de coñecementos constitúen tamén unha vía para coñecer solucións innovadoras e adaptalas ás necesidades específicas do municipio.
“O futuro de Ames tamén se constrúe participando, aprendendo e aproveitando as oportunidades que nos ofrece Europa. Queremos seguir avanzando cara a un concello moderno, sostible, accesible e pensado para as persoas, con planificación e visión de futuro”, concluíu o alcalde.
Con esta participación, Ames reafirma o seu compromiso coa innovación urbana, a mellora dos espazos públicos e a procura de novas solucións para responder aos desafíos dun municipio en crecemento.
Plan Conecta Ames
Cómpre lembrar que o Plan Conecta Ames conta cun orzamento total de gasto de 10.912.878 euros. De dito importe o Concello de Ames vai sufragar 6.547.727 euros (60%), a través de fondos europeos FEDER da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL), mentres que o 40% restante, que ascende a 4.365.151 euros, terá que ser achegado a través de financiamento propio, autonómico ou provincial.
A través e dito financiamento vanse executar catro grandes proxectos: a construción dunha estratexia alimentaria integral Km0, apoiada nun novo mercado de abastos e un banco de terras de produción local; a creación dunha senda ciclable que conecte O Milladoiro e o rural coas dotacións de referencia, integrando e poñendo en valor o patrimonio e os nodos sociais de referencia ubicados ao longo da mesma; a implantación dun transporte público; e a creación e adaptación das dotacións para mellorar a oferta de servizos no rural e favorecer a centralidade dos núcleos.
Plan Impulsa Ames da EDUSI
Previamente, o Concello de Ames desenvolveu o Plan Impulsa Ames da Estratexia DUSI, para o que contou con 5 millóns de euros de fondos FEDER. Ademais, o Concello de Ames tivo que achegar a este plan a contía de 1.250.000 euros, que representou o 20% do total. A estratexia desenvolveuse ao longo dos exercicios 2017-2023.
A través de dito plan realizáronse actuacións urbanísticas, de mellora do alumeado público, asistencia social, sociedade da información e patrimonio municipal. Deste
xeito, recuperáronse espazos verdes no Milladoiro co parque verde central e cos percorridos ambientais; creáronse novos carreiros escolares e ciclables no Milladoiro e Bertamiráns; desenvolveuse o programa Ames Emprega e Integra; creouse a Améndoa central de Bertamiráns; melloráronse os índices de consumo de enerxía coa substitución de lámpadas LED en Bertamiráns; instalouse un sistema de detección temperá de inundacións coa estación de aforo do Rego dos Pasos; e construíuse o Centro Multifuncional do Milladoiro.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)