Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 abril, 2026
Boqueixón, 27 de abril de 2026.- O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; e o presidente da Asociación das Carrozas do San Cidre, Alejandro Pena; presentaron hoxe a programación da 52 edición da Festa das Carrozas do San Cidre, a primeira que se desenvolverá baixo a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia e cuxo día grande terá lugar o domingo 17 de maio. Un acto no que estiveron acompañados por Juan Neira, representante da Comisión de Festas; Mónica López, mestra do CRA Boqueixón-Vedra; e polos concelleiros de Cultura e de Turismo, Gonzalo Redondo e José Luís Mareque.
Ovidio Rodeiro puxo en valor “a primeira festa de exaltación dos labores do campo que se puxo en marcha na comarca de Compostela hai máis de medio século” e puxo en valor “o traballo dos veciños e veciñas do Oural, que levan semanas, algúns ata meses, traballando arreo na preparación da festa e das espectaculares carrozas que desfilarán pola parroquia na mañá do domingo 17 de maio”.
Rodeiro Tato destacou que “todas esas persoas que nos van situar no mapa por primeira vez por ser Festa de Interese Turístico de Galicia, vanse sorprender moitísimo” e felicitou tanto á Comisión de Festas como á Asociación das Carrozas do San Cidre “por non deixarse vencer pola presión e dedicar máis tempo, esforzo e paixón para ofrecernos unha festa inesquecible, chea de cor, emoción e tradición.
Porque, ademais da singularidade, arraigo e valor cultural das Carrozas do San Cidre, tamén poñemos en valor a nosa gastronomía máis saborosa e exquisita, que desfrutarán os milleiros de romeiros e romeiras que se acheguen ao campo da festa”. Neste sentido, destacou o dispositivo previsto e agradeceu por adiantado o traballo do persoal de Protección Civil e voluntariado “que nos axudarán a manexar a eses novos romeiros que se sumen por primeira vez ao San Cidre”.
Programación
Pola súa banda, Alejandro Pena presentou a programación deste ano, que arrincará o sábado 9 de maio coa presentación dun libro que “recompila textos, imaxes, momentos, anécdotas e recordos dos vellos do lugar e que forman parte de máis de medio século de historia desta celebración”. Unha presentación que terá lugar na casa da cultura de Camporrapado o vindeiro sábado 9 de maio, ás 19:30 horas.
A festa arrincará o sábado 16 de maio, ás 22:00 horas, coa tradicional misa na honra á Nosa Señora de Fátima, que incluirá unha procesión nocturna coa agrupación “Sete Pontes” (Ourense). E a partir das 23:00 horas, gran verbena co Grupo Tatoo e Discoteca Móbil Pirámide XXL co DJ Marcos Kintana.
O domingo 17 de maio terá lugar a 52 edición do Desfile de Carrozas do San Cidre. As carrozas estarán expostas en Camporrapado dende as 11:00 horas, para saír en desfile polas rúas do Oural ao mediodía, coincidindo coa misa na honra a San Cidre. As carrozas estarán acompañadas pola música das charangas BB+ e Os Atrevidos, así como pola banda de gaitas Nova Fronteira.
As 14:00 horas, inauguración oficial coa entrega de premios ás mellores carrozas e o pregón, que este ano correrá a cargo de María Mera, coñecida actriz e presentadora. Despois, degustación de viños e petiscos nas distintas carrozas e, a partir das 15:00 horas, concerto da banda de gaitas “Nova Fronteira”.
Pola tarde, xogos para os máis cativos e a actuación das charangas BB+ e Os Atrevidos. E a partir das seis da tarde, gran fin de festa coa orquestra La Ocaband. Durante toda a xornada, na contorna do campo da festa haberá exposición de tractores antigos, polbeiro, carpa para xantar en familia, food-trucks, atraccións para os pequenos e amplos aparcadoiros gratuítos.
Escrito por Líder Redacción
boqueixon carrozas de san cidre Festa de Interese Turístico de Galicia san cidre



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)