AD

Actualidad

Borja Rubio: “Se un neno queda sen comedor, a responsable será a alcaldesa”

today22 abril, 2026

Fondo
share close
AD

O concelleiro do Partido Popular en Santiago, Borja Rubio, compareceu hoxe en rolda de prensa para denunciar a situación de impagos por parte do goberno municipal ás entidades colaboradoras dos servizos de comedor escolar e actividades extraescolares, unha situación que cualificou de “auténtica vergoña social”.

Rubio iniciou a súa intervención amosando “absoluta indignación” ante un problema que, ao seu xuízo, “traspasa a ineficacia política e afecta directamente ás familias e aos nenos da cidade”. “O goberno de Santiago, ese goberno de BNG e Compostela Aberta que se autodenomina progresista e presume constantemente de defender o público, está xogando coa alimentación dos nosos nenos e coa conciliación das familias desta cidade”, afirmou.

O edil popular detallou que, a día de hoxe, o Concello acumula cinco meses sen abonar as bolsas de comedor escolar e de actividades extraescolares —novembro, decembro, xaneiro, febreiro e marzo—, o que supón “cero euros ingresados ás entidades colaboradoras”, algunhas das cales arrastran xa débedas superiores aos 35.000 euros.

“Mentres os membros deste goberno cobran as súas nóminas relixiosamente a final de mes, están obrigando ás entidades colaboradoras de Santiago a endebedarse para cubrir as súas propias neglixencias. Estanas utilizando como se fosen a sucursal bancaria do Concello”, denunciou Rubio, quen advertiu de que esta situación está “asfixiando economicamente a quen fai o traballo que o goberno é incapaz de xestionar: garantir a igualdade de oportunidades nos nosos colexios”.

Neste sentido, criticou a “hipocrisía” do executivo local: “É doadísimo encher a boca falando de ‘escudo social’ desde os despachos de Raxoi. Pero a hipocrisía é maiúscula cando, á hora da verdade, deixan tiradas ás entidades, poñéndoas ao bordo da quebra, obrigándoas a facer malabares para pagarlles ás persoas traballadoras ou aos fornecedores”.

Rubio tamén rexeitou que o goberno poida escudarse en cuestións administrativas. “Que non intenten botarlle a culpa á burocracia. Isto é pura incompetencia e soberbia política”, afirmou, lembrando que en xullo de 2024 o Pleno aprobou unha iniciativa do Partido Popular para modificar o sistema de pagos e estudar anticipos ás entidades, unha proposta que “o goberno decidiu gardar nun caixón tras absterse”. Así mesmo, recordou que en abril de 2025 o Pleno chegou a reprobar ao concelleiro de Facenda por esta mesma problemática, “sen que absolutamente nada cambiase desde entón”.

Ante esta situación, anunciou que o Partido Popular levará unha moción ao vindeiro Pleno municipal. “Non imos consentir nin un minuto máis este maltrato institucional”, afirmou.

“Esiximos o pago íntegro, urxente e inmediato de ata o último céntimo que se lles debe a estas entidades. E esiximos que cumpran os acordos e cambien o modelo de pagamento dunha vez por todas”, reclamou.

Finalmente, Rubio dirixiuse directamente á alcaldesa cunha advertencia: “Se unha soa asociación colapsa, se un só alumno queda sen comedor ou se unha soa familia ten problemas para conciliar por culpa destes impagamentos, a única responsable será ela”.

“Xa abonda de dar leccións de moral cos cartos dos demais. Paguen o que deben”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *