AD

Actualidad

Bouza carga contra a “inutilidade absoluta” de Sanmartín e Rueda ante a emerxencia da vivenda

today22 mayo, 2026

Fondo
share close
AD
  • Aitor Bouza critica que o goberno da señora Sanmartín siga sen poñer en marcha a empresa municipal de vivenda comprometida nos orzamentos mentres medran os prezos e hai máis de 1.800 demandantes de vivenda pública na cidade.
  • O secretario xeral socialista cualifica de “ridícula” a política de vivenda da Xunta de Rueda e denuncia que o PP “chega tarde” tras “dezasete anos sen facer a vivenda pública que tiña que facer”.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026. O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, denunciou hoxe a “parálise absoluta” das administracións local e galega en materia de vivenda e advertiu de que Santiago está a vivir unha “emerxencia social de primeira magnitude” ante o aumento continuado dos prezos e a falta de políticas públicas eficaces.

Bouza puxo o foco especialmente no Goberno municipal e criticou os incumprimentos do executivo de Goretti Sanmartín. “Onde está a Empresa Municipal de Vivenda que se comprometeu xa a señora Sanmartín nos orzamentos do ano 25?”, preguntou, lembrando que a súa creación figuraba tamén nos acordos alcanzados co Grupo Socialista.

Neste sentido, denunciou que o único que está facendo o goberno local “é facer roldas de prensa, dar titulares, moito bombo, moita bandeiriña, pero realmente o único que podemos ver é unha inutilidade absoluta respecto á política de vivenda”.

O secretario xeral socialista advertiu ademais da grave situación que atravesan centos de persoas en Compostela e lembrou que actualmente hai “1.846 persoas” inscritas no rexistro de demandantes de vivenda pública na cidade. “Non poden agardar máis a que se poñan enriba da mesa políticas que poidan combater esta emerxencia tan grave que temos a día de hoxe como é a da vivenda”, afirmou.

Vivendas baleiras

Bouza criticou tamén a falta de medidas para mobilizar vivenda baleira e lembrou que en Santiago existen “ao redor de 6000 vivendas baleiras”. Neste contexto, asegurou que “xa soamente case cun terzo desas vivendas baleiras se podería dar cabida a esas persoas que a día de hoxe están demandando vivenda nesta cidade”.

Ao seu xuízo, a situación actual evidencia que “despois de tres anos de goberno o único que temos é unha radiografía de que todo vai a peor”.

Críticas á Xunta

Bouza dirixiu tamén duras críticas á Xunta de Galicia e acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de abandonar durante anos as políticas públicas de vivenda. “Durante todos os anos de goberno do señor Rueda e tamén do señor Feijóo o único que fixeron en materia de vivenda foi deixar os cartos na Xunta de Galicia ou destinalos a outras partidas”, denunciou.

O deputado socialista asegurou que as cifras anunciadas agora polo PP “son ridículas”. “1.800 demandantes e 102 propostas de vivenda que fai a Xunta de Galicia. Evidentemente isto é absolutamente intolerable”, afirmou.

Neste contexto, advertiu de que o PP “chega tarde” despois de “dezasete anos sen facer a vivenda pública que tiña que facer”, e cargou tamén contra a intención da Xunta de promover vivenda pública “a costa das veciñas e veciños”, advertindo de que “a Xunta invita e a veciñanza paga”.

Por último, Bouza reclamou ás dúas administracións que “se poñan a traballar” e defendeu medidas concretas para mobilizar solo e vivenda baleira, como a creación dun Banco Público de Vivenda. “Propostas hai; o que ten que haber é vontade política para desenvolver estas políticas”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *