AD

Actualidad

Brión arranca catro días de Romaría en honor a Santa Minia

today26 septiembre, 2024

Fondo
share close
AD

 

Do 26 ao 29 de setembro, o Concello de Brión acollerá a esperada Romaría da Santa Minia, unha celebración que promete catro días de festa intensa con charangas, concertos e espectáculos para toda a familia. Este ano, entre os grupos que actuarán atopamos orquestras como Os Satélites, Olimpus, Marbella e Origen, así como os concertos de Astarot, Sr. Salvaje e a actuación especial de Xabier Díaz, veciño de Brión xunto a Adufeiras de Xalitre.

As festividades comezan hoxe xoves cun programa repleto de actividades, que incluirán pasarrúas con charangas, monicreques, e a tradicional tirada de fogos de artificio na véspera do día principal. O alcalde de Brión, Pablo Lago, destacou nunha entrevista en Radio Líder Santiago, xunto a Álvaro Veiga, a importancia da romaría como un evento cultural e relixioso que atrae cada ano a miles de visitantes. A previsión meteorolóxica para este fin de semana é favorable, permitindo así que as actividades se desenvolvan sen contratempos.

Lago animou a todos a participar nas celebracións, subliñando que máis de 15.000 persoas visitan a romaría durante os días de festa, e este ano haberá medidas de seguridade, como un Punto Lila, para garantir o benestar de todos os asistentes. Entre as novidades deste ano, destaca unha hora de inclusión dentro das atraccións, para asegurar que todos poidan gozar da festa.

A romaría non só se caracterizará polas actividades lúdicas, senón tamén pola rica gastronomía local, co pulpo como prato estrela, esperando vender máis de 5.000 quilos ao longo dos días de celebración.

Pablo Lago convidou a todos os veciños e oíntes a achegarse a Brión para disfrutar desta romaría que é un símbolo de unión e tradición na comunidade.

Tes a entrevista completa no seguinte enlace.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

A Romaría de Santa Minia abre hoxe as súas portas cunha sesión vermú coa charanga Santa Compaña. Pola tarde, primeira sesión da VII Festival Monecadas que terá lugar na praza do concello todos os días ás cinco da tarde: “Emotivas”, de Titiritrés; “Unha armadura con ferruxe”, de Títeres Cascanueces; e “Cachimóbil: a cabeza do dragón”, de Títeres Cachirulo. Pechará o festival Títeres Alakrán con “A Cuba!”, o domingo 29 de setembro ás 12:00 horas.

A tarde de Véspera contará coa música da Charanga Noroeste e as orquestras Los Satélites e Olympus, en cuxo intermedio terá lugar o tradicional espectáculo de luz e son e tirada de fogos de artificio.

O venres 27 de setembro comezará coa música do grupo de gaitas Airiños do Petouto e da Charanga Os Jalácticos, que darán paso á sesión vermú coa artista local Ruth Cundíns. Para a tarde, actuacións da charanga Os Celtas de Negreirga e das Escolas de Baile e Música Tradicional de Brión, que darán paso a unha verbena coas orquestras Marbella e Origen.

Para o sábado 28, pasarrúas co grupo de gaitas Devagariño, actuación de DJ Nyan Boe e sesión vermú co grupo de humor Os Tristes, composto por Federico Pérez e Marcos Pereiro. Pola tarde, pasarrúas coa agrupación musical tradicional Tíralle do aire e concerto de Astarot e Sr Salvaje, coas súas respectivas xiras “40 aniversario” e “Vuela”.

Finalmente, o domingo 29 de setembro amencerá co pasarrúas do grupo de gaitas Airiños do Paseo de Colón e da charanga Os Celtas, que darán paso á sesión vermú co Festival Brión Inclúe. Pola tarde, Festival de Bandas de Música coas bandas municipais de Brión e CMUS de Carballo, previo ao concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.

No que atinxe aos actos relixiosos, xoves 26 (Véspera) haberá misas tanto de mañá (10:00 e 12:00 horas) como de tarde (18:00, 19:00 e 20:00 horas). Finalmente, o Día de Santa Minia celebrará a misa solemne ás 13:00 horas. Os demais oficios serán tanto en horario de mañá (9:00, 10:00, 11:00 e 12:00 horas) como de tarde (17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas).

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%